DÍA DE ROSALIA DE CASTRO
UNHA DUCIA DE MANEIRAS DE CELEBRAR O NACEMENTO DE ROSALÍA
XAN
Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño, 5
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por auga,
e vaa á misa cos nenos,
e fai o leito io caldo.
Xan, en fin, é un Xan compreto, 10
desos qu'a cada muller
lle conviña un polo menos,
pero cand'un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.
Pepa, a afertunada Pepa, 15
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátall'as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos, 20
bótalle millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira s'hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros
e lambe a nata do leite, 25
e si pode bota un neto
ca comadre, qu'agachado
traillo embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento, 30
ela x'o espera entr'as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:
-Por Dios non barulles moito,
que m'estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña? 35
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
qu'esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio... 40
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio qu'aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentres os meniños deito.
De bágoas s'enchen os ollos 45
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, qu'antre mil
n'hai máis qu'un anxo antr'os demos;
n'hai máis qu'un atormentado
antre mil que dan tormentos. 50
do libro de Follas Novas de Rosalía de Castro
ACTIVIDADES DE COMUNICACIÓN, LITERATURA, LINGUA E SOCIEDADE
1ª Que cres que nos quere dicir Rosalía con este poema?
Denuncia ou expresa un sentimento de critica ante a desigualdade entre homes e mulleres con ironía. Rosalía describe unha situación totalmente contraria á que se daba en realidade na súa época entre homes e mulleres. Por iso é considerada unha poeta claramente protofeminista.
Repara no que consiste este recurso literario da ironía: Expresar ou dar a entender o contrario do que se di expresamente (normalmente se axuda coa entoación).
2ª Imos falar un pouco doutros recursos que utiliza Rosalía neste poema para reforzar a ironía
Busca no poema os seguintes recursos:
Semánticos (que procura expresar o contido e intencón ou ton do texto)
Metáfora (identificación de dous conceptos)
Antítese (contraposición)
Hipérbole (esaxeración)
Enunciación (acumulación de accións ou substantivos)
Símil (comparación)
Metonimia (unha parte polo todo)
Epíteto ( unha cualificación redundante)
Recursos gramaticais ou formais que provocan ritmo):
Paralelismo (repetir a estrutura dun verso)
Anáfora (repeticion duha ou máis palabras)
Polisíndeton (moitas conxuncións)
3ª Finalmente imos poñer en relación a intención ou o tema do poemas cos recursos e contexto social e literario de Rosalía:
Está moi claro que a intención de Rosalía neste poema é a de realizar unha crítica sutil ao machismo e as desigualdades da época a través deste texto irónico. Fálanos dun home bo, Xan, que como ela di "deses que a cada muller lle conviña un polo menos. Pero cando un busca un Xan, casi sempre atopa un Pedro. Subliña así o seu interese especial pola muller como suxeito protagonista de muitos dos seus poemas. Ademais deixa na última estrofa un certo sabor amargo relacionado coa denuncia da violencia de xénero ao lembrar que "anxo atormentado" hai un, pero lamentablemente son mil "os demos que dan tormentos". Convértese deste xeito Rosalía nunha defensora da igualdade, é dicir, un referente mesmo na actualidade da loita feminista.
Comentarios
Publicar un comentario