COMENTANDO UNHA PASTORELA
Comentando unha pastorela:
Quand'eu un día fui en Compostela
en romaría, vi ũa pastor
que, pois fui nado, nunca vi tan bela,
nen vi outra que falasse milhor
e demandei-lhi logo seu amor
e fiz por ela esta pastorela.
Dixi-lh'eu logo: «Fremosa poncela,
queredes vós min por entendedor,
que vos darei boas toucas d'Estela
e boas cintas de Rocamador
e doutras dõas, a vosso sabor
e fremoso pano pera gonela?».
E ela disse: «Eu non vos quería
por entendedor, ca nunca vos vi,
senón agora, nen vos filharía
dõas, que sei que non son pera min,
pero cuid'eu, se as filhass'assí,
que tal ha no mundo a que pesaría.
E, se veess'outra, que lhi diría,
se me dissesse "ca per vós perdí
meu amigu'e dõas que me tragía?".
Eu non sei ren que lhi dissess'alí;
se non foss'esto de que me tem'i,
non vos dig'ora que o non faría».
Dix'eu: «Pastor, sodes ben razoada,
e pero creede, se vos non pesar,
que non ést'hoj'outra no mundo nada,
se vós non sodes, que eu sabia amar,
e por aquesto vos venho rogar
que eu seja voss'home esta vegada».
E diss'ela, come ben ensinada:
«Por entendedor vos quero filhar
e, pois for a romaría acabada,
aqui, d'u sõo natural, do Sar,
cuido-m'eu, se me queredes levar,
ir-m'-ei vosqu'e fico vossa pagada».
PERO AMIGO DE SEVILHA
O trobador narra o que lle sucedeu un día, cando estaba en Compostela, en romaría: viu unha pastora tan bela como nunca vira outra antes, nin vira outra que falase mellor. Pediulle o seu amor e fixo por ela esta pastorela.
Díxolle el logo: – “Fermosa doncela, querédesme por voso namorado? Dareivos boas toucas de Estela, boas cintas de Rocamador, e outros presentes á vosa vontade, e fermoso pano para manto”.
E ela respondeu: – “Non vos quero como namorado, pois nunca vos vin senón agora, nin recibiría de vós presentes que sei que non son para min; e se os recibise, xulgo que hai alguén no mundo a quen iso faría padecer. E se viñese outra e me dixese: – ‘Por vós perdín o meu amigo e os presentes que me traía?’ Se non fose por iso que temo, non vos digo agora que eu non o faría”.
Dixo el: – “Pastora, argumentades ben; mais crede que non hai hoxe ningunha outra muller no mundo senón vós, a quen eu saiba amar. E por iso, véñovos rogar que eu sexa o voso namorado desta vez”.
E dixo ela, como persoa ben educada: – “Por namorado vos quero tomar e cando a romaría tiver terminado, de aquí do Sar, onde nacín, se me queredes levar, irei convosco e fico agradecida”.
ACTIVIDADE:
Comenta e identifica distintos elementos tradicionais e trabadorescos verso a verso.
Comentarios
Publicar un comentario