UNIDADE 0/ PANORAMA DA HISTORIA DA LINGUA GALEGA (I): As raíces da lingua

 


 ANTES DO GALEGO

1- Explica coas túas palabras este gráfico.
2- De que época estamos a falar?


Toda lingua precisa dunha terra para botar raíces



AS RAíCES  E O NACEMENTO DO GALEGO

 

PANORÁMICA HISTÓRICA DA LINGUA GALEGA

UN PROCESO DE SÉCULOS QUE CO NOSO ESFORZO MEDRA

I-             Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.  

II-          Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio  cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia,  que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III-       GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.

IV-         Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.


                      ACTIVIDADES:

1- Observa o gráfico e a liña do tempo que serve de guieiro temporal para interpretala. Cando chegaron aquí os romanos? De que idioma é filla a nosa lingua, ou dito doutro xeito quen é estrato ou a base do galego? E que sería o avó ou avoa do galego?

2- Concepto de Substrato: Como se define unha lingua de substrato?  Cada lingua ten a súa prehistoria. Explica a partir do gráfico as linguas de substrato do galego.

3. Concepto de Superestrato: Define este concepto. Explica a seguir cales son as linguas de superestrato da nosa lingua e na data ocorre.

4- Por que se chama galego-portugués o idioma resultante aló polo século IX? En que territorios se falaba?.

Apuntamentos complementarios: 




Toda lingua nace da interacción da Natureza e unha comunidade humana asentada nunha terra, (de aí a importancia do lugar). Saber que unha lingua leva nas súas costas unha longa historia e que as súas raíces se afunden séculos e séculos atrás é de vital importancia para valorar o proceso creador do que somos portadores e o que suporía a súa desaparición.

Fíxate nos conceptos de:
- ESTRATO: Latín, a lingua base denominada habitualmente nai do galego.
- SUBSTRATO: A pegada no galego das linguas previas á chegada do latín.
- SUPERESTRATO: A pegada no galego das linguas posteriores ao asentamento do latín, pero previas ao nacemento do galego.

Debemos tamén coñecer os distintos tipos de Substratos e Superestratos e as datas das que estamos falando.

Por último, indagar un par de palabras de cada un distintos substratos e tamén dos superestratos citados.

Lembra as etapas da historia da lingua galega que estudamos o curso pasado como unha panorámica e que este curso repasamos de novo no tema 1 do libro e iremos detallando ao longo do curso ata chegar ao século XIX.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación:

CONTIDOS DA 2ª AVALIACIÓN

Os xéneros menores e o comentario das pastorelas