Comentamos unha cantiga medieval?

Pergamiño Vindel co nome do autor Martín Codax enriba do texto e partitura da cantiga Ondas do mar de Vigo

 

Que é un comentario de texto?

       Identificar un tema central ou idea que pretende comunicar un autor e argumentar cos recursos significativos do texto sobre esa idea escollida.

       Localizar un autor con respecto a un texto polo seu estilo e temática.

Partes do comentario

       Lectura e información (se é preciso co dicionario)

       Localización (xénero, autor, obra, data e contexto social e literario)

       Interpretación ou núcleo:

                a) asunto, tema e punto de vista (lírico ou narrativo)

                b) estrutura (partes, relacións e elementos que as vertebran.   Na narrativa: personaxes, espazo, tempo e discurso)

                c) linguaxe (por niveis: o semántico: o ton/contido, o morfosintáctico: o ritmo/ forma e o fónico: rima/sonoro-musical)

       Valoración (resumo e conclusións)

 

EXEMPLO DE COMENTARIO

0-      Lectura e información do vocabulario: Para comentar un texto precisamos varias lecturas do mesmo.

Despexar as dúbidas do léxico.

 

Ondas do mar de Vigo,

se vistes meu amigo.

           E, ai Deus!, se verrá cedo.

Ondas do mar levado,

se vistes meu amado,

             E, ai Deus!, se verrá cedo.

Se vistes meu amigo,

o porque eu sospiro.

           E, ai Deus!, se verrá cedo.

Se vistes meu amado,

o por que hei gran coidado.

          E, ai Deus!, se verrá cedo.

                                               Martín Códax

1-      Localización: No caso da cantiga de  Martín Códax, o século XIII época do esplendor da lírica galaico-portuguesa, en pleno auxe da moda do amor cortés.

        Interpretación:

a)      Identificar un tema central: asunto, tema e punto de vista

-          Deducir a idea central e distinguila das secundarias.

-          Identificar as partes nas que podemos dividilo.

-          Unha gran axuda ofrece o coñecemento previo da obra e do autor.

 

O asunto ou resumo e os recursos máis significativos axúdannos:

  Asunto: Unha namorada intranquila pregúntalle ao mar (simbolismo da natureza, reforzado con adxectivos como levado) polo seu amigo, ao cal non ve, logo despraza a queixa a Deus ante a incerteza reiterada da non presenza do que tanto ama e polo tanto sofre.

       Do asunto (ou resumo) deducimos o tema.

Tema :  A queixa (ou incertidume) pola ausencia (ou retraso) do namorado.

Do punto de vista á estrutura (voz lírica) que emprega o autor pasaremos a analizar a estrutura do texto. Se o punto de vista é lírico: tipo de estrofas (partes que apreciamos tendo en conta o contido semántico do poema (tamén podemos realizar agora unha análise da estrutura formal (estrofas, tipo de poema)

   Punto de vista: Eu escécino. Martín Códax cede a voz a unha muller namorada. 

 b)  Estrutura:  Dúas partes: Unha primera na que a namorada indica o interlocutor simbólico (o mar) escollido para manifestar os seus sentimentos, especialmente o da súa incertidume ante a ausencia do amigo. Na segunda parte aparece xa a queixa ante a incerteza do encontro co namorado. Como se pode observar as cantigas de amigo presentan habitualmente unha serie de elementos narrativos: personaxes (namorada, amigo, confidentes ou interlocutores e espazos). Neste caso a localización sitúanos en Vigo e ante o mar que é o confidente escollido o que determina o subtipo de cantiga ou modalidade xenérica: unha cantiga de amigo mariña ou barcarola.  

c)       Interpretación do nivel semántico de contido:

Atopamos un ton anguriado e lastimeiro da namorada ante o mar de Vigo que deducimos de:.

 a) A cadea léxica da preocupación/queixa (vistes, verrá, sospiro, coidado)

b) A connotación da incerteza e da queixa (se verrá cedo/ gran coidado)

A queixa elévase no refrán cunha expresión ai Deus! converténdo tamén a ese Deus en certa maneira en interlocutor interior espiritual, a outro nivel que o confidente central do mar (exterior).

Nos artificios semánticos como o epíteto “levado” que acompaña ineludiblemente ao símbolo do mar = paixón amorosa inzado de connotacións (ideas que suxiren as ondas tanto o baño previo ao encontro desexado) ademais de ser o receptor confidente principal escollido para interpelar, ao que confesar o seu sufrimento como namorada, un elemento material da paisaxe natural cuxa presenza pode levala ao seu amado, punto de encontro. As ondas do mar de Vigo convértense así nunha especie de locus amoenus propiciatorio do amor.

Interpretación do nivel morfosintáctico ou formal:

O dinamismo é lento recreándose na incertidume e queixa da namorada.

a) Elementos gramaticais adxectivos e adverbios.

b) Enunciados subordinados.

c) Artificios formais de repetición: paralelismo, refrán e leixaprén.

Interpretación do nivel fonolóxico: musicalidade

O gusto polo paralelismo das cobras dobras ou estrofas de pareados con rima consonante (nun caso asonante). A rima femia ou grave aa refrán /bb refrán /aa refrán,/bb refrán.) denota certa irregularidade e o elemento tradicional do leixaprén e refrán propios do estilo dun xograr popularizante.

 Valoración: Trátase dun poema da época de auxe da lírica galaico-portuguesa, cantiga de amigo de carácter tradicional tanto pola temática posta en boca dunha muller, como polos recursos semánticos (espazos naturais abertos e simbolismo do mar confidente da súa incerteza e desacougo), formais e sonoros (paralelismo-leixaprén) mesmo polo uso do refrán, tamén de corte tradicional. Ademais atopamos trazos trobadorescos (sentimento interior de cuita ou sufrimento da namorada, exclamación a Deus)

O autor emprega pois elementos tradicionais que combina cos elementos trobadorescos evidenciando un momento central e maduro do esplendor medieval da nosa lírica.  É un xograr da Ría de Vigo do que se coñecen ademáis do texto as melodías musicais coas que adoitaban interpetar as súas cantigas, e que forman parte do famoso Pergameu Vindel.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

Contidos da proba da 1ª Avaliación 23/24