Día da Poesía

 
Para iniciar un Obradoiro de Poesía na aula de 3º ESO A

Limiar (a modo de cita do Día)

Sentimentos dun poeta octoxenario ante un mes de marzo

Excítanme estes días 

de flores sen alcance...

e marzo que aínda insiste

en debuxar con xiz as ameixeiras...

  Versos de Manuel Álvarez Torneiro do seu libro Os ángulos da brasa

                                                        Premio Nacional de Poesía  no 2013.


Un poema non é mais que unha forma subxectiva e íntima de falar dos sentimentos e das emocións de cada quen, de expresar con sinceridade e dun xeito orixinal unha conmoción digna de comunicarse.

Un verso é esa forma de falar con ritmo creativo e verbas cargadas de recursos... Que recursos destacarías nos versos anteriores?

Fíxate a seguir no título do libro: Os ángulos da brasa. Que cres que é o que se queima e arde para o noso poeta?

Procuramos logo comezar coa viaxe a través de máis dunha dúcia de versos doutra poeta nova, nada nos oitenta, que esta viva e é de Marín, por aquilo de establecer estraños paralelos e contrastes imposibles entre sentires diversos:

A viaxe da experiencia vital

a viaxe só rematará cando deixemos de soñar
cando unha illa se converta en todo un mundo
e non haxa necesidade de ir mirar alén dela
deixaremos de respirar e durmiremos

Poema do libro dende illa peixe


A complexidade do ser sobre esta terra

...somos dúas pero somos case un exército

ás veces somos tres
ou outros números que nunca aprendemos a contar.
todas cos corpos sucios. os diversos corpos
que carrexamos para as diversas ocasións.
todos igual de sucios

o malo de non ter insomnio é que non sempre estamos espertas
o bo do insomnio é que cantamos e bailamos en vez de durmir

pola mañá adoezo de amor porque estou soa
co meu corpo cheo de terra.
pola mañá parece que durmín no tobo dunha toupa
ou na cova cos lobos.
pero é que hai veces que si paso a noite cos lobos

hai noites que son eu o lobo

entón pola mañá buscamos aldeas anegadas por encoros
e aproveitamos a forza das correntes para nos lavar un pouco.
os animais, fóra dos muros, tolean

sentímonos desexadas por esa tolemia
que camiña á espreita ao noso redor
que nos lanza presadas de terra desde o alto dos penedos

sentímonos sucias se o mar está lonxe
pero esquecemos igual o noso nome

Poema recollido na antoloxía No seu despregar (Apiario, 2017)

Nos versos de Lara Dopazo: Que sentires detectas?  Cales compartes? Que imaxes subliñarías? Razoa as respostas.

Nota: Podes,  e debes, ler o poema enteiro

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN