SARMIENTO O PRIMEIRO POETA DA NOSA LITERATURA CONTEMPORÁNEA


 Para celebrar o Día mundial da poesía imos neste mes de marzo, falar do Padre Martín Sarmiento como fundador da literatura galega contemporánea cun longo poema composto de 1200 coplas.

  Sarmiento naceu precisamente un 9 de marzo de 1695 en Vilafranca do Bierzo, aínda que viviu a súa  infancia e adolescencia en Pontevedra.  Aos 15 anos ingresa na orde dos bieitos que vestían de negro e marchará a Madrid  momento a partir do cal vai vivir recluído case permanentemente nunha cela (en distintos mosteiros benedictinos da Península).

Tan só realizaría,  ao longo da súa dilatada vida, tres viaxes a Galicia que van marcar un antes e un despois na súa traxectoria.  Na viaxe de 1745 vai iniciar unha relación coa súa lingua materna que conduce, sen el ser plenamente consciente, a estudar, investigar sobre o galego ata ser considerado Pai da Filoloxía Galega. Mais  tamén escribirá unha obra Coloquio en 1200 coplas galegas que, a pesar de non ser editada nunca en vida,  sabemos que circulou en abundantes copias e foi lida e finalmente publicada nun momento crucial para a nosa literatura contemporánea. En concreto non é casual que fose editada en Pontevedra en 1859 poucos anos antes da que se ten como unha das obras cumio deste período, os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Como vemos Sarmiento desde a súa humilde cela foi quen de poñer as bases do galego moderno escrito, cos seus estudos de filolóxicos. Coñecía o galego da época medieval, sabía do seu uso e transcendencia literaria e mesmo detallou a historia e evolución da lingua dende o latín aos seus días deixando enriba da mesa ademais unha obra,  as 1200 coplas, de gran transcendencia a pesar de ser unha obra concibida con criterios lexicográficos. O Coloquio terá un eco e marcada influencia en todos os autores desta etapa que adoita denominarse Rexurdimento:  En Pontevedra Xoán M. Pintos, o berciano Fernández Morales, e finalmente Rosalía ou Curros e Lamas Carvajal.

Por que non publica a súa obra?
O seu contacto co tamén galego Padre Feixóo, a figura máis destacada da Ilustración española autor da obra Teatro Crítico Universal  fai de Sarmiento un divulgador enciclopédico, un erudito e ilustrado capaz de abordar calquera saber e ser considerado como o seu mestre, un sabio. Conviviron xuntos en Asturias unha tempada antes de pasar Sarmiento definitivamente a Madrid onde se converte no editor da obra de Feixóo, os textos máis lidos do XVIII. Sarmiento ademais editou un libro en defensa das teses do seu mestre e aquel proceso resultou frustrante. Grande era a incomprensión da época de dous adiantados como eles. Sarmiento non perder o tempo en replicas en máis debates inútiles e decide non publicar nunca máis.

Pero non por iso deixou dar resposta ás preguntas d e familiares, amigos, notables e outros sabios da época ás que respondía sempre que podía tras consultar na biblioteca do convento e a documentación propia da que dispoñía. Facíao por escrito e de xeito pormenorizado polo que foi un asesor  moi estimado de ministros e reis.

Precisamente así naceron os seus escritos sobre o galego falando a familiares e amigos que lle preguntaban por exemplo sobre a Orixe do galego

As 1200 coplas feitas á volta da segunda viaxe a Galicia en 1746, aquela viaxe a Galicia que durara máis de noves meses cun prosósito:

 " ...tiven especial gusto , acordándome da lingua que mamara, en recoller todas cantas voces galegas puidein... para formar algunha idea do idioma galego tan descoñecido de todos e tan despreciado..."

Nos apuntamentos feitos durante a viaxe e estancia en Galicia polo noso erudito sobre botánica, xeografía, arquitectura, historia, etc..  interesouse especialmente pola lingua.


A seguir deixamos o comezo desta obra que como  o título indica é un coloquio ou diálogo:

  Coloquio de 24 galegos rústicos ou das mil duascentas coplas galegas


“No chan que en Morrazo
chaman os galegos
chan de Parafita,
que chega hasta o ceo,

que está no camiño
que vai ao Ribeiro
dendes Pontevedra,
a vila do reino;

a umha legoíña,
camiño dereito
-fai conta que sigues
o rumbo surlesto-

se sube en relanzo
por todo o vieiro,
sin muita fadiga
nin muito tormento.

Agiña se chega
ao chan que dixemos
e mais é ben ancho
todo o seu terreo.

Alí corren lebres
e cazan coellos
os homes nas festas;
dempois van vendelos.

De alí, daquel chan
tan alto en extremo,
se ve toda a vila
cos seus arrodeos.

Se ve o mar bravo,
se ve o mar quedo,
de Ons e de Tambo
as illas ao lejos.

Se ven Portonovo
e, junto San Xenxo,
Marín e Combarro,
Lourido e Campelo.

Se ven o Castrove
e mais Montecelo,
tamén San Zibrán
e mais o Castelo.

…………………………”

A referencia de Sarmiento de onte a hoxe. Os estudos da crítica máis recentes insisten en establecer semellanzas entre as intencións e o seu estilo poético  e o de poetas posteriores do século XIX que sen lugar a dúbidas leron e seguiron o modelo creado e popularizado a partir do seu Coloquio. Un modelo que ten como fonte principal a cantiga da tradición oral. 



CUESTIÓNS:

Por que é Sarmiento o primeiro poeta contemporáneo das Letras Galegas sen publicar ningunha obra en galego en vida?

Por que a súa obra se chama Coloquio dos 24 rústicos?

Tras ler o texto que reproducimos máis arriba, que aspectos léxicos cres que tentaba suliñar nestes versos iniciais da súa obra?

Despois de o vídeo cal cres que a fonte principal de inspiración destas 1200 coplas de Sarmiento? Serve de modelo ou referencia para outros autores posteriores? Razoa as respostas.

Le os seguintes versos do  Coloquio da 1200 coplas e procura explicar neles en que consiste a ironía neste anaco no que Perucho narra a morte do Rei na corte madrileña:

PERUCHO:
Deronlle uns caldiños
Mui quentes de presto;
Tamén matan caldos
Quando quere Deos.

Deulle y¡un gran salouco
Fixo un gran bostezo,
Cando unha fechiña
Chegou ao gorgueiro.

“O mon Dieu, mon Dieu!”,
Falou por extremo;
Quedouse en “ mon Dieu”
 Morto sen remedio.

...Despois non o vin,
mais supen, por certo,
que o corpo do rei
 o lañaran presto.

Sacáronlle a maga,
botáronlle dentro,
 sal e vinagre,
allos e mais cheiros.

Porque non fedese
o corpo algún tempo
o atustullaron
 de muitos inguentos.

MARUXA:
Fe, pu, como fedes,
Perucho, fedello,
con conto tan podre,
tan porco e fedento!

Cuidein que poñías
por caso e exemplo
 cando por Nadal
 no noso terreo

matan, lañan, salgan
os porcos ben cheos
e  fan os touciños
e mais os codelos.

…..

Despois que salgado,
composo e coseiro
 ó corpo do  morto
puxeron nun leito.

Vestironlle a roupa
 de rei con aseo
puxélronlle encima

a coroa e o cetro.

Unha carantoña
que tiña remedo
puxeron no rostro
 que quedara feo...




PARA SABER MÁIS

As ideas pedagóxicas de Sarmiento

Biografía e obra na RAG


Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

Contidos da proba da 1ª Avaliación 23/24