Comentamos unha cantiga?

 Para realizar un comentario non está demais ter en conta un esquema coma este: 


Imos explicalo cun exemplo práctico da literatura galaico portuguesa medieval.

 Que é un comentario?

       Identificar un tema central ou idea que pretende comunicar un autor e argumentar cos recursos significativos do texto esa idea escollida.

        Tamén pode ser que teñamos que localizar un autor con respecto a un texto polo seu estilo e temática.


PARTES DUN COMENTARIO

       Lectura e información (se é preciso co dicionario)

       Localización (xénero, autor, obra, data e contexto social e literario)

       Interpretación ou núcleo:

                a) asunto, tema e punto de vista (lírico ou narrativo)

                b) estrutura (partes, relacións e elementos que as vertebran.   Na narrativa: personaxes, espazo, tempo e discurso)

                c) linguaxe (por niveis semántico: o ton / contido, o morfosintáctico: o ritmo/ forma e, no caso de ser poesía, o fónico: rima/sonoro-musical).

       Valoración (resumo e conclusións: poñendo en conexión o tema cos distintos niveis comentados e a congruencia coa obra, autor e corrente literaria á que pertenza).


 1)      LECTURA DO TEXTO

       Para comentar un texto precisamos varias lecturas do mesmo.

       Despexar as dúbidas do léxico.

       Deducir a idea central e distinguilas das secundarias.

       Identificar as partes nas que podemos dividilo.

       Unha gran axuda ofrece o coñecemento previo da obra e do autor.




Ondas do mar de Vigo,

se vistes meu amigo.

           E , ai Deus!, se verrá cedo.

Ondas do mar levado,

se vistes meu amado,

             E , ai Deus!, se verrá cedo.

Se vistes meu amigo,

o por que eu sospiro.

           E , ai Deus!, se verrá cedo.

Se vistes meu amado,

o por que hei gran coidado.

          E , ai Deus!, se verrá cedo.

                                               Martín Códax

2. LOCALIZACIÓN: Na Localización debemos contextualizar o texto con respecto á época e sociedade na que foi escrito e as correntes literarias existentes.

No caso de contar coa posibilidade de coñecer previamente ao comentario o autor e a obra, os coñecementos sobre o xénero empregado, os intereses temáticos do autor e as intencións estéticas axudarán moito á realización dun bo comentario.

Un exemplo para esta cantiga sería:

       No caso da cantiga de  Martín Códax, o século XIII época do esplendor da lírica galaico-portuguesa, en pleno auxe da moda do amor cortés.

 3. INTERPRETACIÓN OU NÚCLEO DO COMENTARIO: Fases da interpretación:

                a) asunto, tema e punto de vista (lírico ou narrativo)

                b) estrutura (partes, relacións e elementos que as vertebran.   Na narrativa: personaxes, espazo, tempo e discurso)

                c) linguaxe (por niveis semántico: o ton , morfosintáctico: o ritmo e fónico)

 3. 1 Identificar un tema central.  Nun texto como este:

Para identificar o tema central  o asunto ou resumo e os recursos máis significativos axúdannos:

Unha namorada intranquila pregúntalle ao mar (simbolismo da natureza, reforzado con adxectivos como levado) polo seu amigo, ao cal non ve, non se presenta e polo tanto sofre.

Tema : A queixa (ou incerteza ) pola ausencia  (ou retraso) do namorado

3.2 Estrutura:  Do asunto e tema á estrutura: Punto de vista: a voz do texto.

Así como do asunto (ou resumo) deducimos o tema o punto de vista ( tras  identificar a voz lírica ou tipo de narrador) que emprega o autor pasaremos a analizar a estrutura do texto. Neste texto o punto de vista ou voz  é:   Un eu escénico, é dicir unha primeira persoa  na que o autor se agocha, Martín Códax é un xograr,  pero escolle unha voz feminina para expresar os seus sentimentos.

Voz Lírica, tipo de estrofas ( pareados) Podemos comentar as partes que apreciamos  tendo en conta o contido semático do poema (tamén podemos realizar agora unha análise da estrutura formal (estrofas tipo de poema)

   Trátase texto lírico-narrativo (con elementos narrativos como o espazo e certos personaxes)

1ª parte: Introdución: Presentación do espazo simbólico e  da personaxe da namorada (evocando ao amigo).

            2ª parte: Intensificación da incertidume da namorada.

3.3 Linguaxe: Debemos xustificar o tema escollido para o comentario na linguaxe do texto que analizamos por niveis:

        Procurar o ton do texto no nivel semántico:

a)Cadeas léxicas (palabras relacionadas)

b)Connotacións (suxestións do léxico)

c) Artificios semánticos ou de contido (metáforas, epítetos…)

Na nosa cantiga atopamos no nivel semántico ou de contido:  un ton anguriado e lastimeiro da namorada:

a) na cadea léxica da preocupación/queixa (vistes, verrá, sospiro, coidado) e da anguria (ai Deus,... )

b) Na connotación da incerteza e da queixa (se vistes, se verrá cedo/ gran coidado)

c) Nos artificios semánticos como o epíteto “levado” que acompaña ao símbolo do mar ondas = paixón amorosa.

No nivel morfosintáctico ou formal:  O ritmo tamén ésta moi relacionado co tema.  Na linguaxe formal do texto atoparemos o ritmo ou dinamismo sexa negativo(lento) ou positivo(rápido):

a)Elementos gramaticais: presenza ou ausencia de substantivos, verbos/ fronte adxectivos e adverbios…

b)Tipo de enunciados: oracións simples, subordinación…

c)Artificios morfosintácticos ou formais: (figuras de repetición: anáfora, ou ausencia de elementos: asíndeto…)

Nesta cantiga o dinamismo é lento recreándose ou subliñando a incertidume e queixa da namorada.

a) Elementos gramaticais adxectivos e adverbios  (cedo, gran, levado…)

b) Enunciados subordinados.

c) Artificios formais de repetición: paralelismo, refrán e leixaprén.

No nivel fonético: A fonética (función dos sons do texto) ten maior importancia nos textos líricos que nos narrativos.  Especialmente na poesía :

                a) medida,rima e acentuación

                b) artificios literarios baseados na sonoridade (aliteración, onomatopeia, …)

Nesta cantiga 

a)  O gusto polo paralelismo das cobras dobras ou estrofas de disticos ou pareados con rima  consonante (nun caso asonante rima femia ou grave aa refrán /bb refrán /aa refrán,/bb refrán.)  denota certa irregularidade e o elemento tradicional do leixapprén e refrán propios do estilo dun xograr popularizante.

      b) artificios literarios baseados na sonoridade (aliteración, onomatopeia, …)

4- VALORACIÓN Todo comentario debe chegar a unhas conclusións unindo o tema a todos os aspectos analizados antes por separado que  aparecían en cada un dos niveis para darlle unha interpretación conxunta.

        Relacionar o texto co autor e a corrente/ época á que pertence valorando no conxunto da súa obra o lugar que ocupa dito texto.

 Na cantiga que comentamos diríamos: 

O tema determina ton lastimeiro e de desacougo do texto.

       Asociado ao ton marcado por recursos semánticos do mar e da incerteza da namorada que pregunta ao mar(símbolo da súa paixón que vai medrando “levado” en intensidade) sobre o paradoiro do amigo (ausente).

       O dinamismo lento ao que axudan tanto a estrutura interna (de contido) do texto como a formal (leixaprén ) subliñado pola fonética do texto.

 Logo para rematar TRADICIONAL E TROBADORESCO do texto nas conclusións:

       Trátase dun poema da época de auxe da lírica galaico-portuguesa, cantiga de amigo de carácter tradicional tanto pola temática  da queixa da ausencia do namorado posta en boca dunha muller, como polos recursos semánticos (simbolismo do mar) formais e sonoros (paralelismo-leixaprén) mesmo polo uso do refrán.

       O autor é un xograr da Ría de Vigo do que se coñecen ademáis do texto as melodías coas que adoitaban interpetar a cantiga que forma parte do famoso Pergamiño Vindel.

       O trobadorismo nesta cantiga aparece no tratamento do sentimento amoroso “a cuita de amor”(queixa-dor) en termos e expresións próximas ao interrogante do tipo  “se verrá cedo” que indican a necesidade de ver, o suspiro polo amigo, polo que “hei gran coidado” tan propios da moda provenzal do “amor cortés” neste caso observado no sentimentos da namorada. 

       Trátase pois dunha mestura evidente onde o tradicional máis presente convive co trobadoresco. Mostra do pleno esplendor da lírica galego-portuguesa do XIII e nun dos seus máis coñecidos xograres especialista en cantiga de amigo e coñecido como o xograr da Ría de Vigo, pois a referencia a Vigo aparece en todas as súas conservadas, Martín Códax.


AGORA Proba a facelo ti con outra cantiga 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN