COMENTAMOS UNHA CANTIGA?

 Que é un comentario de texto? IDENTIFICAR E ARGUMENTAR O SEU TEMA CENTRAL

 Identificar e argumentar o tema ou a idea central dun texto literario a partir da análise dos seus recursos estilísticos (de contido semántico, os de carácter formal, mesmo os fonolóxicos, especialmente se falamos dun texto lírico) e tendo sempre moi presnete o contexto cultural, histórico e social do mesmo.

Bótalle unha ollada ao esquema dun comentario de textos:


A cuestión do autor/a? IDENTIFICAR O AUTOR/A 

Hai comentario que nos esixen que asociemos o texto a un autor ou a unha corrente literaria. Tam´ne pode haber ocasións nas que se nos informe sobre o autor/a e contemos con ese dato para comezar o noso comentario. 

Non é pouco importante coñecer o autor ou autora do texto, polo que isto significa á hora de datar e contextualizar ese texto no conxunto da súa obra escrita como para localizar o noso comentario nun determinado contexto literario e a época na que foi composto.

 

COMENTAMOS UNHA CANTIGA DE AMIGO?

Imos facer un comentario dunha cantiga de amigo, dun texto único dun autor do que sabemos pouco máis que escribiu este texto no século XIII. Chamábase Mendiño ou Meendinho, era da Ría de Vigo probablemente e só se coñece del este texto:



Sedia-m' eu na ermida de San Simión

e cercaron-mi-as ondas que grandes son.

Eu atendend´o meu amigu'! E verrá?

 

Estando na ermida, ant' o altar,

cercaron-mi-as ondas grandes do mar.

Eu atenden[d´o meu amigu'! E verrá?]

 

E cercaron-mi-as ondas que grandes son:

non ei [i] barqueiro nen remador.

Eu [atendend´o meu amigu'! E verrá?]

 

E cercaron-mi-as ondas do alto mar:

non ei [i] barqueiro ne sei remar.

Eu aten[dend´o meu amigu'! E verrá?]


Non ei i barqueiro nen remador:

morrerei “eu”, fremosa, no mar maior.

Eu aten[dend´o meu amigu'! E verrá?]

 

Non ei [i] barqueiro nen sei remar:

morrerei eu, fremosa no alto mar.

Eu [atendend´o meu amigu'! E verrá?]


1-LECTURA E INFORMACIÓN (Consultar o dicionario no caso de dúbidas na comprensión)

Este texto é un texto escrito en galego-portugués e haberá palabras ou expresións que teñamos que consultar.

Por exemplo atendendo: Será "esperando" relacionable con verbo atendre do francés.

verrá: do verbo vir en futuro  "virá, chegará "


2- LOCALIZACIÓN: (Datar ou contextualizar o texto nunha época, unha autoría concreta axuda tanto a identificar o tema como a elaborar os argumentos que logo daremos no comentario)

Neste caso contamos como punto de partida o nome do autor: Meendinho, un xograr da contorna da Ría de Vigo que vive no século XIII en pleno esplendor medieval da Lírica galego-portuguesa, logo será unha mostra do vigor e da gran difusión deste tipo de textos amorosos. 

3- INTERPRETACIÓN

3.1 ASUNTO, TEMA E PUNTO DE VISTA:

Asunto (Unha especie de resumo nun parágrafo, feito coas nosas palabras que nos axuda a deducir o tema central)

Unha muller sentada na capela da illa de San Simón na que espera ao seu namorado. Atopase rodeada pola marea que vai subindo e medrando, sen que ela atope o que a leve á terra polo que pensa que vai morrer mentres se pregunta insistentemente se virá o seu amigo. 

Tema (Identificar a idea central do texto usando unha frase ou clásula breve e clara) 

Cal cres que podería ser?_________________________________

Punto de vista: ( Determinar a voz que utiliza o autor) As cantigas de amigo adoitan usar unha primeira persoa, un eu denominado eu escénico porque non se corresponde co autor, fala dos seus sentimentos por boca dunha muller. 

3.2 ESTRUTURA ( Partes nas que podemos dividir o texto. Debemos ter sempre como referencia o tema procurando argumentar esta división, de aí que analicemos que relación se establece entre cada unha das partes nas que o dividimos)

Intenta facer unha división en partes:

Tendo en conta o tema central, a que responde esta división?

As cantigas de amigo son textos líricos, pero presentan curiosamente aspectos narrativos como a presenza de personaxes, espazos... logo podemos facer notar cales son os desta cantiga:

3.3 LINGUAXE: A análise da linguaxe é o núcleo do comentario o que nos debe levar maior atención, esforzo e extensión. Recomendamos seguir un esquema de análise por niveis que atenden aos contidos semánticos e os seus recursos (do que deduciremos o ton do texto), aos recursos formais (que nos indican o ritmo do texto) e os fonolóxicos ou musicalidade sonora e os seus recursos.  Sempre teremos como referencia o tema central porque estamos xustificando a certeza do tema escollido, confirmando coa análise que foi correcta a nosa elección.

NIVEL SEMÁNTICO: Analizamos os campos semánticos que aparecen como relevantes no texto nunha especie de "cadeas léxicas" como: ________________

Estas cadeas léxicas lévannos seguramente a recursos de contido como: metáforas e símbolos habituais neste tipo de textos que tentaremos destacar e explicar: ________________

A seguir debemos deducir ton ou calidades que lle acaen a esta cantiga tendo en conta todo o analizado neste apartado e o tema central, claro está.

NIVEL MORFOLÓXICO: Analizamos os recursos formais (de falta ou presenza de repetición fundamentalmente) algo que nas cantigas se percibe axiña.

Deducimos o seu ritmo que será lento (tamén chamado negativo) sempre que haxa recursos de repetición (de non os haber sería ritmo rápido ou positivo).

NIVEL FONOLÓXICO: analizamos recursos que contribúan á sonoridade ou musicalidade do texto e a súa relación con outros recursos e co tema central. Ao tratarse dun textolírico a medida e a rima pertencen a este apartado.

4- VALORACIÓN: Argumentación final poñendo en relación o analizado en cada apartado anterior co tema central escollido. Ademais debemos valorar para rematar o comentario a aportación deste texto ao conxunto de obras do autor/a, da época da que estamos a falar e no contexto socio-cultural que se escribiu.  Neste caso o peso do tradicional e trobadoresco nesta cantiga.


EXEMPLO:

O TEMA: A angustia e soidade da namorada. 
PUNTO DE VISTA: “Eu escénico” é dicir, Meendinho expresa o sentimento central antedito a través da boca dunha muller, unha convención do xénero. 

ESTRUTURA : Vertebrado en tres partes perfectamente diferenciados polo recurso que logo comentaremos do leixaprén que subdivide grupos de dúas estrofas, denominadas “covras” no argot medieval. Unha primeira para localizar e presentar ao personaxe central, mesmo a presenza do mar ameazante. A segunda que son as estrofas terceira e cuarta onde se comeza a central o tema da soidade da namorada. E a terceira (estrofas V e VI) evidencia unha intensificación coa aparición da angustia en grao máximo ao augurarse a morte da doncela. Unha estrutura  de menos a máis cunha gradación “in crescendo” moi consistente. Do “seríame” ou “sedíame”, é dicir, estar sentada, evocando a espera na que se atopa cumprindo co tópico das cantigas de amigo pasa a estar ante o altar (a pé) para escenificar mellor a evolución cara a angustia final. 

LINGUAXE LITERARIA:
A) SEMÁNTICA OU DE CONTIDO: Debemos observar dúas máis que evidentes cadeas léxicas de termos referidos o sacro (ermida, altar, San Simión) ao marítimo ( mar ondas, barqueiro, remador) . O primeiro terá unha connotación do “acolledor” como ben sinala Ramón Gutiérrez Izquierdo nun comentario desta cantiga fronte ao “intimidatorio” do segundo. Aínda que máis ben o primeiro contribúe a marcar con contundencia a ausencia de salvadores dos perigos do mar que son evidentemente simbólicos.  A simboloxía do mar, esa paisaxe case que personificada de emocións propias dos homes e das mulleres da paixón amorosa.  Unha transición da cantiga de romaría que poderia evocar un posible locus amoenus frustrado pola ausencia e soidade coa que conclúe esta cantiga mariña.  A situación inicial nunha illa (determinante da soidade e illamento inicial que vai cobrando intensidade). Faise necesario comentar o que suxire o verbo “cercáronmi” (rodear para atacar, asediar) linguaxe de evocacións bélicas que redunda na mesma idea.  A isto se lle engaden as negacións reiteradas e os epítetos grandes, alto, maior referido as ondas e ao mar, ou o que debemos entender como maior angustia amorosa. Hai quen opina que o refrán remataba cunha pregunta quizás retórica ( “ e verrá?”: e virá?), pero que en todo caso introduce maior énfase e unha incerteza a modo de premonición sobre o final da cantiga. É de sinalar a utilización dun verbo en futuro, premonitorio do “morrerei” que se presenta ao final fronte ao valor durativo dos xerundios do refrán “atendendo”.
A todo isto, marcando definitivamente o ton sombrío e pesimista, desesperanzado da namorada da cantiga,  concorren dous novos elementos que fan desta cantiga unha peza singular: os tópicos de “morrer de amor”, que aquí aparece baixo o aspecto dun mar maior ou un alto mar (outra vez os epítetos reforzando a axitación/ excitación do amor e subliñando a poderosa forza dos tópicos tan frecuentes na lírica medieval como na de todos os tempos) e a da dona virxe e nova, “fremosa” calidade intrínseca aos namorados que se contrapón á súa vez á idea da morte afogada nun mar de paixón ante a ausencia do amigo.  Soidade e angustia do mar da namorada na  belicosa sociedade medieval na que as mulleres é frecuente que sufran a ausencia dos homes en permanente guerra e coa incógnita de se volverá ou non. 

B) FORMAL  OU MORFOSINTÁCTICA: As seis estrofas desta cantiga formadas por dísticos monorrimos e un refrán están unidas polos paralelismos e o leixaprén provocando unha lenta progresión da que poderíamos denominar “acción” que conduce cara a angustia e o desespero co que conclúe. O leixaprén evoca o movemento das ondas e da marea, creando ese ritmo negativo do texto que colabora a que o lector ou oínte da cantiga comprenda axiña os valores connotados e o tema central, da angustia na espera e cun final ben incerto ou máis ben nefasto. Tense falado dun refrán obsesivo co verbo “atendendo” reiterado sistematicamente, a modo de rezo.

C) FONÉTICA: É de destacar a falta de homoxeneidade e irregularidade da rima acorde cos modelos e lírica da época (hendecasílabos e versos do refrán octosílabos). Pero máis digno de mención se cadra son certas aliteracións de sons  nasais  “m” “n” en combinación cos “r” vibrantes ( tamén coas rimas en –ar, -or)  no verso “morrerei fremosa no mar maior” que semella o ruído das ondas. Outro menos visible o dos sons “nd” e o “t” un efecto sonoro  como un insistente latexo.
 

 VALORACIÓN: Estamos pois ante unha cantiga de amigo en boca dunha namorada que presenta moi claros signos do seu carácter autóctono ou tradicional polo seu uso da paisaxe e os elementos simbólicos do mar maxistralmente situados a carón doutros tópicos que poderíamos dicir son máis propios da filosofía do amor cortés da lírica provenzal ou trobadoresca (os tópicos da perfección da dama e o de “morrer de amor”). Outros recursos que presenta a cantiga de corte tradicional serán o paralelismo e o leixaprén que xunto coas irregularidades da rima e o anteriormente citado redundan na valía desta peza pola marabillosa combinación de elementos tan tradicionais na lírica autóctona, como doutros que non o son, e resultan determinantes noutras moitas cantigas para amosar  como se fusionan o tradicional e o trobadoresco.  Nesta cantiga a conxunción dos mellores recursos tradicionais e trobadorescos permítenos confirmar a madurez dos xograres e trobadores da época e a capacidade á hora de recrear e facer confluír trazos de ambas procedencias polo que este autor, Meendinho faise claramente representativo deste período de esplendor Lírica Medieval galego-portuguesa, a pesar de só conservarse esta cantiga da súa autoría.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación:

CONTIDOS 1ª Avaliación

SARMIENTO E OS DENOMINADOS PRECURSORES