COMENTAMOS TEXTOS DE ROSALÍA?


 

Adios rios, adios fontes,

Adios regatos pequenos,

Adios vista dos meus ollos

Non sei cando nos veremos.

 

Miña terra, miña terra,     5

Terra donde m' eu criei,

Ortiña que quero tanto,

Figueiriñas que prantei.

 

Prados, ríos, arboredas,

Pinares que move o vento, 10

Paxariños piadores,

Casiña dó meu contento,

 

Muíño d' os castañares,

Noites craras de luar,

Campaniñas trimbadoras 15

Dá igrexiña dó lugar,

 

Amoriñas d' ás silveiras

Qu' eu lle dab' ó meu amor,

Camiñiños antr' ó millo,

Adios, para sempr' adios!  20

 

Adios groria! Adios contento!

Deixo á casa onde nacín,

Deixo á aldea que conoço,

Por un mundo que non vin!

 

Deixo amigos por estraños,  25

Deixo á veiga pólo mar,

Deixo, en fin, canto ben quero...

¡Quen pudera non deixar!...

 

.   .   .   .   .   .   .   .   .   .   .

 

Mais son prob' e mal pecado.

A miña terra n' é miña,          30

Qu' hastra lle dán de prestado

A veira por que camiña

O que naceu desdichado.

 

Téñovos pois que deixar.

Hortiña que tanto amei,          35

fogueiriña dó meu lar,

Arboriños que prantei,

Fontiña do cabañar.

 

Adios, adios, que me vou,

herbiñas do camposanto,   40

Donde meu pai s' enterrou,

Herbiñas que biquei tanto,

Terriña que nos criou.


 Adios Virxe da Asunción,

branca como un serafín;   45

lévovos no corasón:

pedídelle a Dios por min,

miña Virxe da Asunción.


Xa se oien lonxe, moi lonxe,

as campanas do pomar;           50

para min, ai!, coitadiño,

nunca máis han de tocar.

 

Xa se oien lonxe, máis lonxe...

Cada badalada é un dolor;

voume soio, sin arrimo...           55

Miña , terra, adios!, adios!



Adios tamén, queridiña!....

Adios por sempre quizais!...  

Dígoch' este adios chorando

Desd' a veiriña do mar.         60

 

Non m' olvides, queridiña,

Si morro de soidás....

Tantas légoas mar adentro....   

¡Miña casiña! meu lar!



    Cantares gallegos (poema 15)

 

 

 

NOTA: 1- Este texto que Rosalía de Castro publicou en Cantares Gallegos en 1863 apareceu retocado despois dunha primeira edición en 1861 na que incluía a seguinte estrofa entre os versos 33 e 34 que logo a autora suprimiría en 1863:

 

 Por xiadas, por calores

 desde que  amañece o día

 dou á terra os meus sudores,

 mais canto esa terra cría

 todo... todo é dos señores

 

2-  Seguindo as palabras de Anxo Angueira indicamos que os versos iniciais que foron incluídos por vez primeira en 1863 como glosa da tradición oral popular tratan dunha inofensiva despedida que Rosalía transformará e elevará cos seus versos, como veremos, nunha poderosa reivindicacón política de denuncia da emigración.

 

Localización: Nun contexto onde Galicia sofre como un dos problemas máis acuciantes a emigración consecuencia da inxusta distribución da propiedade da terra que forzaba a abandonar a súa patria a milleiros de labregos, Rosalía escribe este poema nun poemario no que pretende dignificar Galicia e identificarse co seu pobo a través da denuncia dos graves problemas que arrastra a súa poboación máis humilde, achegándose ás súas xentes tanto co uso da súa lingua como dos recursos habituais (as coplas e o estilo característico do que a poesía de tradición oral fai uso).   

 

Asunto, tema e punto de vista: Rosalía neste poema realiza unha despedida que protagoniza un mozo que se ve obrigado a emigrar, causa dun longo e dilatado adeus da paisaxe e da terra que o veu medrar, dos espazos cargados de sentido e emocións, que lle confiren unha identidade e a terra na que deixa aos seres que ama.  

 O mozo escollido por Rosalía é un eu escénico que dirixe ese monologado adeus constante á súa terra, que se converte en paraiso perdido. O tema é pois o sentimento de perda forzosa do emigrante, ese eu que deixa o seu a causa da emigración converte a este mozo galego nun representante do pobo pobre e emigrante, no que Anxo Angueira define como suxeito político unha especie de alegoría da Galicia dos desposuidos condenada á emigración. 

 

Estrutura: O poema podémolo dividir en dúas grandes partes, Gutiérrez Izquierdo establece pola contra seis partes: a contorna da aldea, a casa, o motivo da emigración, o cemiterio e a igrexa, e na beira do mar xa, a súa amada.   Nas estrofas I-V como unha presentación da despedida, unha enumeración na que reforza o carácter definitivo da separación: adios para sempre  para logo realizar unha despedida máis íntima ao que se suma un sentimento de perda (deixo... deixo...  a terceira parte, xusto no centro do poema presenta na que se especifica a causa ou motivo polo que emigra, un verso substantivo a miña terra n' é miña.  Trátase dun paradoxo que maxistralmente responde ao por que o mozo, a xente de Galicia ten que abandonar forzosamente a súa terra: A propiedade da terra.  Hai formalmente un cambio de tipo de estrofas que acompaña tamén este destacado cambio de contido que interrompe a despedida para indicar a causa da marcha. Logo o lector vai visualizando coa voz lírica nunha especie de viaxe da aldea ata o peirao cada cousa da que se despide o mozo emigrante. Todo o mundo establece o cambio de intensidade a partir do verso 30, co cambio de coplas ás quintillas centrais. Hai catro quintillas, a terceira e a cuarta quintillas poden considerarse unha cuarta parte (estrofas X e XI) de despedida dos mortos e  relixiosa-espiritual. A quinta coas campás indicando afastamento da terra e a sexta a despedida final da amada.

 

A linguaxe, no nivel semántico: As cadeas léxicas relacionadas coa despedida: adiós, deixo,... combinadas coa incerteza de volver a ver ou a rotundidade do adios para sempre ata as hipérboles  si morro de soidás final van creando un ton dramático reiterado, tenso e de perda fonda que se evidencia aínda máis por contraste coa enumeración de elementos da paisaxe dos que se despide e que van configurando un locus amoenus poliédrico ao longo do poema, marco referencial que se vai convertendo en materia central coa accumulatio sarmentiana como figuras destacable. O uso da antítese para ir marcando, asentando o dramatismo da despedida, deixo amigos por estraños, deixo veiga polo mar.  Xa suliñamos a transcendencia do paradoxo central que denuncia a propiedade das terra. A palabra terra pode entenderse como unha diloxía, na que ademais de terreo para o cultivo, terra sexa, patria, país. 

Nas quintillas á accumulatio engádenselle os diminitivos cargados de sentimento e querencia. que confiren á paisaxe un valor simbólico evidente. 

E realmente significativo destacar o ton acuciante de desespero ese voume soio, sen arrimo  nunca mais han de tocar... cando o personaxe escollido por Rosalía xa é paradoxalmente máis que un eu un nós. Lembremos que eran centos e miles os galegos que emigraron daquela. Outra proba deste sentido colectivo do personaxe que nos fala neste poema está, como sinala Angueira, na inconcreción da paisaxe descrita que non se corresponde con ningún lugar concreto identificable da nosa xeografía e polo tanto ese paraíso perdido pode facer referencia, claramente, a calquera punto da nosa terra, ser por estensión Galicia.

 

No nivel  morfosintáctico: Anáforas e paralelismos que inciden e reiteran a intensidade ritmicamente lenta dos adeus da despedida e na desesperación da perda fonda.

 

No nivel fonético: Gutiérrez Izquierdo  indica un posible fonosimbolismo dos ditongos decrecentes ei, ai que suxiren unha queixa do mozo emigrante.

 

Valoración: Rosalia de Castro logra con estes versos sobre o sentimento de perda da terra propia,  un alegato contra emigración de carácter universal, sendo como é a dignidade de Galicia e as preocupacións das súas xentes humildes o centro de interese do seu poemario, Cantares Gallegos. Unha temática social patriótica utilizando glosas da tradición oral e un estilo popularizante lograr a maior empatía posible co suxeito político seleccionado e ao que interpela. Un ton crítico ante unha situación que viven miles de galegos, que parte do sentimento persoal de perda do propio para denunciar unha situación social inxusta.  Convértese con poemas coma este na representante máis singular do Rexurdimento Pleno nunha Galicia na que se vai abrindo camiño lentamente ao longo do XIX ás marcas ideolóxicas dos primeiros galeguismos.

 Outros poemas de CANTARES GALLEGOS a comentar:





De FOLLAS NOVAS





Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación:

CONTIDOS DA 2ª AVALIACIÓN

Os xéneros menores e o comentario das pastorelas