A TRADICIÓN ORAL NO NADAL

 Este curso debemos estar moi atentos á todo o que arredor da nosa tradición oral aconteza. Imos aproveitar o Nadal para comezar nesta posta en valor na nosa aula da literatura detradición oral e a súa relación co patrimonio cultural que representa. 


Actividades:

1- De que trata esta cantiga?

2- Sabes que é un aguinaldo? 

3- Nesta panxoliña de Nadal nótase a diglosia, existente no noso país? 

Sabíades que nos Séculos Escuros curiosamente un dos textos que se difundiron en galego mesmo fóra de Galicia e en galego foron os vilancicos?

Este aparente paradoxo ten dúas razóns de ser:

 Unha pola razón parte dunha cousa aparentemente intranscendente, da semellanza que vían moitos naquela época entre os nomes de Galicia e Galilea, pobos ambos que con certo parecido nos nomes, de habitantes humildes con gran cantidade de pastoras e pastores.

Non podemos esquecer que nos séculos XVII e XVIII houbo unha moda que permitiu entre as catedrais da nosa península unha extraordinaria difusión do vilancico de Nadal en lingua galega, moda grazas a cal conservamos unha chea de pezas en galego desa época, non só nas catedrais de Santiago ou Mondoñedo, tamén nas de Lisboa, Coimbra, Valladolid, Zaragoza ou Toledo.

A segunda razón é a forte tradición oral que existía en Galicia nestas datas, dada a cantar e tamén a festexar de xeito tradicional esta data do Nadal. Nomes dos cantos específicos deste período das trece lúas son:  Panxoliñas, vilancicos, nadais, aninovos, manueles, aguinaldos, xaneiras e reises.  Tiñan todas elas algo en común a referencia ao meniño, ao nacemento e a infancia de Xesús Cristo.  O poder desta tradicion chega aos nosos días e naceu seguramente na Idade Media que como  xa sabemos era unha etapa na que a tradición oral estaba moi arraigada da cultura e idiosincrasia do pobo galego.

Imos escoitar agora un nadal arranxado por un grupo de música folk:

 
NADAL DE LUÍNTRA

Cara Belén camiña unha Niña ocupada

fermosa canda ela San Xosé a acompaña.

 

Chegaron a Belén e pediron pousada,

responderon desde dentro con voz alborotada

-Quen chama a miña porta, quen a miña porta chama?

-Somos Xosé e María que pedimos pousada

- Se traen cartos que entren e se non que se vaian.

- Cartos non traerei máis que real de prata

-Iso é poucos cartos, pídano noutra parte.

 

San Xosé se apenaba, María o consolaba.

Non te apenes Xosé, non te apenes por nada,

que máis cartos ti queres que Isto que me acompaña?


CELEBRACIÓNS DE GALICIA NESTE CICLO DAS TRECE LÚAS

24 Nadal: Noiteboa

Tizón de Nadal

Bacallau e pan de noces

Roldas de paxoliñas, vilancicos e a misa do galo.

Nadais e aguinaldos.

28 de decembro: Santos Inocentes, cornos e outras trasnadas.

31 de decembro: Noitevella.

Lumeiras e o Apalpador.

Aninovos e Manueles.

A Noite de Reis do 5 de xaneiro.

Cantos e Danzas de Reis (Fin do mundo, carantoñas

Reixes do Cebreiro… precedentes do Entroido)

 


AGUINALDO

PETICIÓNS:

 

Día de Reis, Día de Reis

primeira festa do ano

entre damas e doncelas,

vimos pedi-lo aguinaldo

 

Se queren da-lo aguinaldo

non nos fagan agardare

somos de lonxanas terras

temos muito que andare.

 

Ese señor, Don Luis,

muito lle pinta a chaqueta

meta a mao no seu bolsillo

e tíreme unha peseta.

 

 COPLA  DE AGRADECEMENTO:

Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero.

 

COPLA DE AGRAVIO

Estas portas son de estopa

eiquí vive un lapasopas.


Actividades: 

 5-Finalmente Imos probar a cantar nós tamén unha cantiga: Os Reises de Neda:


Outro exemplo: Os Reises de Bendollo (Quiroga) 



Mais os Reis do Cebreiro agochan un segredo

Actividades: 
Escoitemos a Amadora de Fonte Ferreira: 


Por que hai catro Reis no Cebreiro? En que datas saían? Que facian? 
Que é unha carantoña? 
Que segredo agochan estas manifestacións tradicionais de Reis? 








Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación:

CONTIDOS DA 2ª AVALIACIÓN

Os xéneros menores e o comentario das pastorelas