UNIDADE 0/ HISTORIA DA LINGUA (IV): DO FRANQUISMO Á ACTUALIDADE

 


X-            O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI-          Un difícil proceso de recuperación da identidade:   Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963.  Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XII-       A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.


APUNTAMENTO COMPLEMENTARIO: 

O GALEGO UNHA LINGUA AMIGA DA LIBERDADE

Unha viñeta de Davila na que usa versos de Celso Emilio Ferreiro

O galego ten unha historia moi especial que lle outorga un carácter de idioma de resistencia, que esixe dos seus usuarios un compromiso. O galego é unha lingua amiga da liberdade.

 

Celso Emilio Ferreiro, un poeta que viviu na ditadura dicíao así:

Lingua proletaria do meu pobo, 

eu fáloa porque sí, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingoa.

 Escoita o poema enteiro gravado recentemente por MC: 


DEITADO FRENTE AO MAR...

 

"Lingoa proletaria do meu pobo

eu fáloa porque sí, porque me gosta,

porque me peta e quero e dame a gaña;

porque me sai de dentro, alá do fondo

de unha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sin raíces

que ao pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos abós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos do lingoaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.

 

Eu fáloa porque si, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada en outra lingoa.

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruís e poderosos,

non falo pra os finchados,

non falo pra os estúpidos,

non falo pra os valeiros,

que falo pra os que agoantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de volvoretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de todos os que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas,

deitada frente ao mar, ise camiño..."

 Celso Emilio Ferreiro. Longa noite de pedra


OPINA:

NA SITUACIÓN DO GALEGO HOXE:  PODE COMPETIR EN LIBERDADE?

 

COMPITE EN IGUALDADE OU POLA IGUALDADE?

 

Que é a diglosia?

 





Comentarios

Publicacións populares deste blog

CONTIDOS 3ª Avaliación:

CONTIDOS 1ª Avaliación

SARMIENTO E OS DENOMINADOS PRECURSORES