Follas novas: O prólogo. Dúas palabras da autora.


A "captatio benevolentia" para que teñan boa disposición os seus lectores/as:

 Máis de dez anos pasaron -tempo casi que fabuloso a xusgar pola présa con que  hoxe se vive- desque a maior parte destos versos foron escritos, sin que as contrariedades da miña vida desasosegada, e unha saúde decote endebre, me permitise apousar neles os meus cansados ollos i o meu fatigado esprito. Ó leelos de novo, vin ben craro, como era incompreto e probe este meu traballo poético, canto lle faltaba para ser algo que valla, e non un libro máis, sin outro mérito que a perene melancolía que o envolve, e que algúns terán, non sin razón, como fatigosa e monótona. Mais as cousas teñen de ser como as fan as circunstancias, e se eu non puden nunca fuxir ás miñas tristezas, os meus versos menos...

 Historias dinas de ser cantadas por mellores poetas do que en son, e cuias santas harmonías deberan ser espresadas cunha soia nota e nunha soia corda, na corda do subrime, e na nota da delor. Anque sin forzas pra tanto, tentei algo deso, sobre todo no libro titulado As viudas dos vivos e as viudas dos mortos, mais eu mesma conoso que non acertei a decir as cousas que era menester. As miñas forzas son cativas, quéreas maiores de quen haia de cantarnos con toda a súa verdade e poesía, tan sencilla como dolorosa epopeia.

 

A estrutura do libro:

...Mais as cousas teñen de ser como as fan as circunstancias, e se eu non puden nunca fuxir ás miñas tristezas, os meus versos menos. Escritos no deserto de Castilla, pensados e sentidos nas soidades da natureza e do meu corazón, fillos cativos das horas de enfermedade e de ausencias, refrexan quisais con demasiada sinceridade, o estado do meu esprito unhas veces, outras a miña natural disposición (que non en balde son muller) a sentir como propias as penas alleas... 

 

A temática central:

...neste meu novo libro, preferín, ás composicións que puderan decirse personales, aquelas outras que, con máis ou menos acerto, espresan as tribulaciós dos que, uns tras outros, e de distintos modos, vin, durante largo tempo, sofrir ó meu arredore. E ¡sófrese tanto nesta querida terra gallega! Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe os nosos aldeáns e marineiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas, mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as inumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus i os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo como brandas de corazón e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir a parte máis froxa e inxel da humanidade.

 

Preocupación especial polas mulleres:

No campo compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas, na casa soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da probeza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sin axuda pra mal manterse, para manter ós seus fillos, e quisais ó pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca reposo se non na tomba.

 A emigrazón i o Rei arrebátanlles de contino o amante, o irmán, o seu home, sostén da familia decote numerosa, e así, abandonadas, chorando o seu desamparo, pasan a amarga vida antre as incertidumbres da esperanza, a negrura da soidade i as angustias dunha perene miseria. I o máis desconsolador para elas é que os seus homes vanse indo todos, uns por que llos levan i outros porque o exempro, as necesidades,ás veces unha cobiza, aunque disculpabre, cega, fannos fuxir do lar querido daquela a quen amaron, da esposa xa nai e dos numerosos fillos, tan pequeniños que inda non acertan a adiviñar, os desdichados, a orfandade a que os condenan.

    Cando nas súas confianzas estas probes mártires se atreven a decirnos os seus secretos, a chorar os seus amores sempre vivos, a doerse das súas penas, descróbese nelas tal delicadeza de sentimentos, tan grandes tesouros de ternura (que a inteireza do seu carácter non é bastante a mermar) unha abnegación tan grande que, sin querer, sentímonos inferiores a aquelas oscuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón.

 

A diferenza cos Cantares:

¿tendrei que añadire que este meu libro non é, en certa maneira, fillo da mesma inspiración que don de si os Cantares Gallegos? Paréceme que non. Cousa este último dos meus días de esperanza e xuventude,...

Por outra parte, Galicia era nos Cantares o obxeto, a alma enteira, mentras que neste meu libro de hoxe, ás veces, tan soio a ocasión, anque sempre o fondo do cuadro: que si non pode, se non ca morte, despirse o esprito das envolturas da carne, menos pode o poeta prescindir do medio en que vive, e da natureza que o rodea; ser alleo a seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios. Por eso iñoro o que haxa no meu libro dos propios pesares, ou dos alleos, anque ben podo telos todos por meus, pois os acostumados á desgracia, chegan a contar por súas as que afrixen os demais.

 

A importancia dun libro en galego:

   Creerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas. Un libro de trescentas páxinas escrito no doce dialecto do país era naquel estonces cousa nova e pasaba polo mesmo todo atrevemento. Aceptárono i, o que é máis, aceptárono contentos, e eu comprendín que desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado.

    Alá van pois, as Follas Novas, que mellor se dirían vellas por que o son, e últimas, porque pagada xa a deuda en que me parecía estar coa miña terra, difícil é que volva a escribir máis versos na lengua materna.

Para consultar o texto íntegro: 

Dúas palabras da autora



Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN