PANORÁMICA DA LINGUA GALEGA ( UNIDADE CERO)


 

PANORÁMICA HISTÓRICA DA LINGUA GALEGA

I-             Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.  

II-          Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio  cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia,  que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III-       GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica. Tamén teremos un superestrato árabe de menor incidencia.

IV-         Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.

V-           O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.

VI-         Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.

VII-      Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural.    Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX  aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.

VIII-    O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.  

IX-         Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e  lingua obrigada no ensino e a administración.

X-           O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI-         Un difícil proceso de recuperación da identidade:   Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963.  Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XII-      A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN