NO CAMIÑO DA IDENTIDADE

 


Camiño branco é o título desta poema de Rosalía de Castro e desta canción da compostelá Najla Shami. 

Imos botar a andar neste curso con esta peza pensando en dar o primeiro paso deste camiño da identidade que aínda está, en gran medida, en branco, por escribir, por descubrir.

A seguir o poema que dá pé a Najla a compoñer esta cantiga:


Dende aquí vexo un camiño                     

que non sei adónde vai;                             

polo mismo que n'o sei,                             

quixera o poder andar.               

Istreitiño sarpentea                      

antre prados e nabais                  

i anda ó feito, aquí escondido,                 

relumbrando máis alá.                 

Mais sempre, sempre tentándome                      

co seu lindo crarear,                     

que eu penso, non sei por qué,                              

nas vilas que correrá,                   

nos carballos que o sombrean,                

nas fontes que o regarán.                         

Camiño, camiño branco,                             

non sei para dónde vas;                             

mais cada vez que te vexo,                       

quixera poderte andar.                              

Xa collas para Santiago,               

xa collas para o Portal,                 

xa en San Andrés te deteñas,                  

xa chegues a San Cidrán,                            

xa, en fin, te perdas...                 

¿quén sabe en dónde?,                             

¡qué máis me dá!                          

Que ojallá en ti me perdera                      

pra nunca máis me atopar...                     

Mais ti vas indo, vas indo,                          

sempre para donde vas...


 NOTA: O poema de Rosalía é máis longo (no camiño deste curso verémolo enteiro) pero polo de agora imos quedarnos coa proposta que podemos entrever e que podemos deducir tanto da canción como dos versos anteriores.

Breve comentario:  A voz poética preséntase coma un eu que ve un camiñoA primeira idea é a dun camiño «que non sei adónde vai», que parece ser a nota fundamental en que se basea o atractivo que exerce sobre a poeta. Neste primeiro momento, este camiño, cuxo destino se ignora, representa a tentación do descoñecido; é unha porta aberta á fantasía. Fronte ao cotián e habitual, o misterioso, a aventura. Desexaría poder andalo precisamente porque non sabe a onde a levaría.

A continuación veñen unha serie de notas descritivas: estreito, serpenteante entre prados e campos de nabos, relumbrando, con lindo crarear. Fixémonos na preferencia polos camiños estreitos, lembrando os camiños de carro das aldeas polos que correu na súa nenez. O verbo serpentear  anticipa o de tentar; un primeiro paso cara á animación do inanimado. (Pensemos tamén nas relacións serpe-tentación, tan antigas...). O camiño cobra vida, tenta á poeta; hai como un xogo, unha invitación a seguila nese desaparecer do camiño para atopalo máis alá. E ademais desta animación con que nolo presenta, hai dúas notas que non nos parecen realistas: o relumbrando e o clarear. Estas dúas notas vanse intensificar poucos versos máis abaixo con outra: «camiño, camiño branco». O brillo, a claridade, a brancura, non son caracteres obxectivos dun camiño real visto pola poeta; son notas subxectivas que ela lle engade. Fronte ás sombras, á escuridade, á noite «agoreira de dores, cubridora en todo mal».  Esas notas simbolizan a alegría, a felicidade. E son estas notas simbólicas as que converten o camiño  nunha perenne tentación. Fixémonos en que Rosalía non pensa cousas extraordinarias respecto ao itinerario do camiño, non pensa que pasa por lugares marabillosos, non soña con aventuras. A invitación ao descoñecido dos primeiros versos vaise concretando nunhas visións de grande sinxeleza: «eu penso, non sei por qué, / nas vilas que correrá, / nos carballos que o sombrean, / nas fontes que o regarán...». E cita posibles itinerarios: para Santiago, para O Portal, para San Andrés, para San Cidrán... Non lle importa a ónde vaia, non sabe por qué pensa nel, só sabe que o camiño a tenta a seguilo... E ao final intúe a razón de todo elo: «¡Ojallá en ti me perdera / pra nunca máis me atopar». Querería (ese é o seu verdadeiro desexo) perderse, confundirse co camiño, facerse unha con el.

CUESTIÓNS:

1- Despois de ler os versos e o seu cometario cal dirías que é a idea principal deste poema? Intenta expresalo nunha frase de non maís de cinco palabras.

2- Un dos recursos do poema fai referencia a antigas relacións entre conceptos, saberías explicar algunha delas?

3- Por que colorea de branco o camiño Rosalía? 

4- Un símbolo é unha especie dunha metáfora continuada ou que perdura ao longo dunha composición. Cal pensas ti que é símbolo máis destacado deste poema?

5- Para rematar fíxate no galego que usa Rosalía, como xa sabemos polo que estudamos o curso pasado, ela utiliza un galego popularizante. Procura sete elementos que non normativos  propios do galego estándar.  

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN