CRIATURAS de Roberto Vidal Bolaño

 
Quen é Roberto Vidal Bolaño? 

Roberto Vidal Bolaño un home de teatro

Entrevistas a Roberto vidal na TVG

Criaturas a súa última creacción, Premio Max de Teatro 2001

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas.

Iniciouse no mundo do teatro da man do grupo Antroido, co que representou as súas primeiras obras. Participou con este grupo nas Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980), e nelas deuse a coñecer como dramaturgo e como escenógrafo.

Desde 1978 dedicouse profesionalmente ao teatro. Foi un dos primeiros directores en participar no teatro institucional pondo en escena, en colaboración co Centro Dramático Galego, en 1984, a súa obra “Agasallo de sombras”. Tamén se internou no terreo do audiovisual facendo guións para Televisión de Galicia e para Televisión Española, como Malos Tratos, Novo de Parmiude ou Morosos Varios. Llevou á pantalla relatos de Ánxel Fole (Cara de Lúa) ou de Eduardo Blanco Amor (O Noxo) e participou como actor en series televisivas, como Mareas Vivas.

No 2001 representou co Centro Dramático Galego Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo. “Teatro de aquí” foi a súa derradeira compañía. Faleceu en Compostela no 2002 pouco despois de recibir o Premio Max de Teatro pola súa obra Criaturas.

O recoñecemento artístico de Roberto Vidal Bolaño non se produciu até os anos noventa, coa obtención de premios como o Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro, o Xacobeo 92, o Eixo Atlántico, ou o María Casares..., converténdose nun dos referentes do teatro galego tanto na súa faceta de autor como de actor e director.

 

Influído especialmente por Valle Inclán, as súas obras recollen e mesturan as correntes estéticas do realismo, o simbolismo, o surrealismo e o expresionismo.

 

Representacións destacadas:

Laudamuco, Señor de Ningures (1976)

Bailadela da morte ditosa (1980)

A Casa dos Afogados (de Miguel Anxo Fernán-Vello)

Rosalía (de Ramón Otero Pedrayo) (1985)

Caprice des Dieux (1985)

Anxeliños. Comedia Satánica (1996)

La Lengua de las Mariposas (1999)

Mar Revolto (2001)

Obras escritas destacadas:

Laudamuco, Señor de Ningures (1976)

Bailadela da morte ditosa (1980)

Agasallo de Sombras (1992)

Días sen Gloria (1992)

Saxo Tenor (1993)

As Actas Escuras (1994)

Anxeliños (1996)

Rastros (1998)

O Día que os Chífanos Deixaron de Zoar

CRIATURAS (2000)

Ensaio:

Perspectivas do Teatro Galego Actual (2002)


Non é a primeira vez que tanto Vidal Bolaño como autor, como Teatro de Aquí como compañía, buscan nos mitos o mellor dos referentes, convencidos de que neles reside case todo o que importa. Criaturas pon ao descuberto, xa dende o mesmo título, cal son eses referentes dos que parte, cal é o mito no que busca as súas orixes, e cal o marco no que inscribe a súa busca. O mito non é outro que o de Prometeo, o primeiro creador de vida artificial. O xénero dende o que o fai, o do Terror, e os caudais farturentos dos que bebe, o Frankeinstein de Mary Shelley e o marxinal díptico que arredor del realizou nos anos trinta para a Universal James Whale.

 

O que pretendiamos non era outra cousa que indagar e ver de poñer ao descuberto o que a razón ou a civilización podían ter producido de monstruoso en ós, ou nos que nos rodean. Neses personaxes anónimos, cotiáns, cos que nos cruzamos cada día no paso dos peóns, á volta da esquina, ou na cola do súper ou do cine e cos que nos relacionamos con toda naturalidade. Con esa mesma naturalidade coa que aceptamos ou mesmo consumimos, polos sen penas, ovos sen colesterol, melóns sen pebidas ou híbridos de peladiña coa boa presentación e sabor a todo e nada.

 

Os perfís das máis desas “ criaturas”, como non podía ser doutro xeito, veunos suxerido da observación da propia realidade, pola lectura de crónicos de sucesos, o seguimento dos noticiarios de radio e televisión, ou a nosa convivencia con eles. E o pretexto para os botar a andar  e ver de poñer ao descuberto o que de medorento puidese haber tras da súa aparente normalidade, da relación que establecen coa criatura creada polo Doutor Frankeinstein, cando esta, pouco antes de se illar definitivamente da civilización e perderse nas inmensidades polares, se achega ao noso presente para o observar por derradeira vez.

 

Unha viaxe así, por suposto, non estaría ao noso alcance nin foi esa a nosa pretensión, dende a transcendencia ou o rigor filosófico, senón dende o humor, a ironía e o sarcasmo. É dende aí dende onde o tentamos facer, reinterpretando a realidade e a nosa relación con ela na dirección descrita, e vendo de traducir o intuído a feitos literarios escénicos  concretos, dende unha poética teatral que se quere e se sabe quen de ser propia. 

 

(Programa de man de Criaturas, 1999-2000)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN