ENTRE A POESÍA E O TEATRO


 Como celebramos  un Día da Poesía xa pasado (21 de marzo) e  outro Día do Teatro por chegar (27 de marzo).  Tivemos con nosoutro/as á autora Lara Dopazo Ruibal

por ser muller e autora ... e por apartarse algún tanto ...das vulgares preocupacións 

coas que se pretende manchar o meu país

   Rosalía de Castro (Dedicatoria de Cantares Gallegos) 

O obxectivo co que programamos este encontro é realizar, a partir duns textos propostos pola mesma Lara Dopazo, unha reflexión práctica sobre a Literatura galega no momento actual baixo a mirada atenta e distinta dunha muller e autora. Emulando as palabras de Rosalía na súa coñecida dedicatoria a Fernán Caballero, quixeramos actualizar a visión dos nosos alumnos/as sobre a literatura de noso. Será un encontro que parta como un club de lectura ao uso dun tríptico de composicións, un poema poderoso e dous relatos, un marabilloso e conmovedor e outro intrigante e fluído:

OS LOBOS NA CASA DE ESAÚ.

AXOLOTE

CHISPA 

Da lectura dos textos os alumnos e alumnas participantes do encontro debíamos procurar elementos que faciliten un diálogo suxestivo coa escritora marinense. Esa proximidade cos e coas lectoras que aporta o feito de compartir territorio habitual e costa natal cremos que contribúe como un atractivo máis á hora de indagar nesta dimensión tan persoal que acompaña a unha poeta, pero á vez tan necesitada de público lector, de oídos e comentarios que lle dean vigor e fortaleza ás súas palabras. 

Sen dúbida, Lara Dopazo sorprendeunos e provocou fondas mareas nas nosas mentes xa de por si inquedas e abertas. 


FALAMOS DA VANGARDA da nosa literatura

cosmopolita, pero con raíz, localizable e por iso universal

aberta como o mar, mais cunha áncora na terra

capaz de interpretar a mitoloxía doutros pobos

amiga e defensora dos dereitos aínda por conquistar

consciente da importancia do libro como semente

                            da palabra como recurso e revolta.  
 

Mais tamén falounos do seu poema dos Lobos na casa de Esaú e dialogamos con ela dos seus contos (O AXOLOTE e CHISPA) e soubemos de como se crearon e que motivacións a levaron a escribilos. Ademais rematou lendo un conto titulado CORPO que logo confesou que partía dunha estraña experiencia persoal e da súa predilección pola mitoloxía e os relatos da tradición oral. Finalizou cunha invitación a compartir  un proxecto fermoso e comprometido: DEFENSORAS DE DEREITOS 

Para rematar representamos unha micro peza teatral, a esencia dun texto obra de Carmen Rosales a nosa compañeira de clase que dramatizou unhas ideas baixo o título simbólico  "O xardín do pexegueiro" 




Actuaron:


 Daniel Rodríguez,  Andrea Pazos, Matías Moldes, Mateo Portas, Antía Docampo, Andrea Sanjorge e Antía Rivas.

Os actores e actrices coa autora da micropeza teatral, Carmen Rosales 



Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN