O nacemento da lingua e as súas raíces

 


Toda lingua, como ser vivo que é ten unha data de nacemento.  Nace da interacción da Natureza e unha comunidade humana asentada nunha terra, semella no seu proceso de nacemento en certa forma a unha planta que nace dunha semente ( a do latín para o caso do galego-portugués), máis que un parto animal, (de aí a importancia do lugar da terra onde nace). Saber que unha lingua, coma unha árbore centenaria, leva nas súas costas unha longa historia anterior ao nacemento e que as súas raíces se afunden séculos e séculos atrás é de vital importancia para valorar o proceso creador do que somos portadores e o que suporía a súa desaparición. 

Fíxate nos conceptos básicos de:
- ESTRATO: Latín, a lingua base denominada habitualmente nai do galego, o máis parecido a unha semente. A esencia do galego un 80% do seu léxico é latino.
- SUBSTRATO: A pegada no galego das linguas previas á chegada do latín.
- SUPERESTRATO: A pegada no galego das linguas posteriores ao asentamento do latín, pero previas ao nacemento do galego. 

Se preferimos pensar nun ser vivo semellante ao ciclo vital dunha persoa diremos que o Latín, a nai, enxendra unha nova lingua como é o galego-portugués tras un longo proceso de xestación e poderemos falar así da infancia e da adolescencia desta lingua antes de acadar a súa independencia plena como un ser adulto. A seguir colocamos un texto coas claves para entender o complexo proceso do nacemento dunha lingua, os axentes que interveñen nel e a función á que responde toda lingua ao nacer:

        Unha comunidade que vive nun territorio concreto ao longo dun tempo en condicións favorables é quen de crear unha lingua como consecuencia dun conxunto complexo de accións e reaccións seculares dese pobo coa natureza.

Cando nace unha lingua nace como un ser que vai desenvolver con capacidade propia a súa singular maneira de ver o mundo. Todas as linguas pasan por etapas infantís e xuvenís nas que non son aínda unha lingua plenamente autónoma, pero cando chega á maioría de idade, convértese na peculiar forma de percibir o universo que os seus falantes van incorporando como un gran legado a gardar con agarimo. Porque ese conxunto de palabras conforman a identidade, o carácter a forma de pensar, é un patrimonio necesario que nos fai humanos. Do contrario serían seres incapaces de entender o seu entorno, sen as voces que esa lingua lles foi dando como ferramenta de expresión e comunicación cos demais, de comprensión e interpretación do mundo, sen a súa fala, non serían ninguén.

O galego é pois un exercicio de liberdade porque nos permite saber quen somos. Sempre somos no presente porque fomos un antes, porque houbo un pasado que nos deu sentido e tamén deunos paso á vida na terra que pisamos e recoñecemos como nosa. Un exercicio de liberdade, un dereito que se renova cada xeración, pero tamén un compromiso de lealdade e responsabilidade, un deber con aqueles que nos ofreceron este xeito de seren orixinais, auténticos e diversos no universo enriquecendo coa nosa lingua a variedade de idiomas que nos distingue e define como serer humanos.

 ACTIVIDADE A REALIZAR: Sobre este momento na rede podemos consultar para saber máis ou tamén na páxina 20 do noso libro de texto. A idea é realizar unha presentación para ampliar os nosos coñecementos sobre esta etapa da nosa lingua. Polo de agora con isto que apuntamos máis arriba chega, pero volveremos sobre o tema. Outro exemplo de presentación sobre as raíces do galego.

Algúns topónimos de Marín segundo as súas orixes:

Orixe prerromana: Barcia, Mogor, Carrascal, Meirán Miranda, Toxal

Orixe latina: Marín, Portocelo, Chan do Monte, Freixo, Insua, Corticeiras, Ferruxeira, Marcos,

Orixe xermánica:  Allariz,  Ardán, Blanco, Sebarís, Estaquelos,

Orixe árabe:Almuíña,  Atalaia, Laranxeira

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN