COMENTANDO TEXTOS


Imos aproveitar a proximidade da celebración do Día das Letras Galegas para aprender a facer  xuntos un comentario de texto, usando como modelo un anaco dun poema de Rosalía de Castro.

 ACTIVIDADE PARA ENVIARME POR CORREO ANTES DA PRÓXIMA CLASE: Tes que ler atentamente toda esta entrada tanto o esquema como o modelo de comentario de texto que está máis abaixo e ir  copiando aparte e respondendo ás preguntas ( 1,2,3,4,5,6,7,8,9 ,10, 11 e 12) que imos facendo ao longo do mesmo,   ao igual  que aquilo que non entendas para trasladar, como mínimo, unha pregunta ao profesor sobre algún aspecto, apartado ou detalle dos que non che queden claros



ESQUEMA PARA A REALIZACIÓN DUN COMENTARIO DE TEXTO:
Para facer un comentario de texto debemos ir seguindo os seguintes pasos:

LECTURA E COMPRENSIÓN (consulta do léxico)

 LOCALIZACIÓN: No caso de coñecer o nome do autor, realizamos o que se denomina unha localización do texto asociándoo a un autor/a  a un libro e/ou etapa creativa. Ademais adoitase incorporar unha breve descrición do contexto literarario e histórico no que se sitúa a obra.

INTERPRETACIÓN: É o núcleo do comentario. Para desenvolver con éxito est aparte máis complexa e importante é aconsellable seguir esta orde:

a) Asunto ou resumo, tema central e punto de vista (lírico ou narrativo). A concreción do tema resulta esencial, unha frase de poucas palabras (cinco ou seis como máximo) como síntese do texto a comentar. Non é un título, é a idea central sobre a que teremos que construír o comentario, é dicir argumentar que esta idea é funciona como a columna vertebral do texto.
b) Estrutura:  Son as partes, relacións e elementos que conforman o texto. (Na narrativa: personaxes, espazo, tempo e discurso)
c) Linguaxe: Unha análise por niveis: o semántico: para establecer o ton do contido, da semántica do texto, o morfosintáctico: para determinar o ritmo atendendo á forma e, no caso de ser poesía, o fónico: comentar a musicalidade da composición rima e outros recursos de corte sonoro.

VALORACIÓN: Unha conclusión, reunindo todos os argumentos que confirman o acerto do tema, o idea central do texto coa que elaboramos o comentario.



UN MODELO DE COMENTARIO PARA APRENDER A COMENTAR:





Exemplo de Comentario do texto:  Castellanos de Castilla

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.

   Cando foi, iba sorrindo,    5
cando ven, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito
   Aquel máis que neve branco,
aquel de dozuras cheo,         10
aquel por quen eu vivía
e sen quen vivir non quero.
Foi a Castilla por pan
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida,       15
peniñas por alimento.
   Déronlle, en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo…
¡Casteláns, casteláns,
tendes corazón de ferro!
   ¡Ai!, no meu corazonciño    20
xa non pode haber contento,
que está de dolor ferido,
que está de loito cuberto.
Morreu aquel que eu quería
e para min non hai consolo:       25
só hai para min, Castilla,
a mala lei que che teño.


ROSALÍA DE CASTRO. Cantares Gallegos (editado o 17 maio de 1863)  

Poema CASTELLANOS DE CASTILLA.
(Comentario parcial dos 27 primeiros versos para invitar a seguir o comentario)
 LECTURA E COMPRENSIÓN: 
1-Se hai palabras que non coñecemos consultamos nun dicionario o seu significado: Estas dúas polo menos:  saramagos, fel ...

LOCALIZACIÓN:
a) A autora e o libro: Poema dun libro emblemático cuxa data de publicación acabará sendo o primeiro Día das Letras cen anos despois . Trátase dun libro referencial da literatura que, seguindo o modelo de Sarmiento, bebe das fontes da tradición oral á que Rosalía recrea na procura da dignificación de Galicia, da lingua do pobo e das súas xentes máis humildes o que implica a denuncia e crítica,  en moitos casos postas en boca das mulleres,  da situación pola que pasan e sofren os galegos e galegas, converténdoa en suxeito político,  creando  unha especie de voz colectiva da identidade de Galicia.

b) Contexto: Rosalía é unha das representantes dunha etapa que se adoita chamar Rexurdimento que inaugura a literatura galega contemporánea nunha Galicia cuxas elites intelectuais participan dun movemento cultural que ten fondas raíces sociais e políticas no liberalismo, no Provincialismo e outras tendencias de corte progresista. 

INTERPRETACIÓN:
  ASUNTO:
2-  Resume coas túas palabras o contido do poema nun parágrafo: 


  TEMA: 
3- Indica cal cres que é o tema do poema, esta idea central teremos que ir argumentando ao longo do comentario (escolle unha das tres):
  a) Amor desesperado por un galego.
  b) Denuncia do maltrato de Castela aos galegos.
  c)  Defensa da lingua galega.

PUNTO DE VISTA:  Eu  escénico,
4- Explica que significa eu escénico? É Rosalía a que fala neste poema ou usa unha voz prestada? 

Voz escollida para encarnar unha apóstrofe ou interpelación dirixida contra Castela.

ESTRUTURA:  
5-Tendo en conta que é unha primeira parte do poema, que non se comenta enteiro,  divide estes 27 versos en partes  xustificando ou explicando por que fas esa división:   


Este poema parte dunha copla popular que vai en cursiva que funcionará como marco (pois reaparece repetida ao final dos 109 versos do poema) coa intención de darlle á composición unha certa compoñente épica-narrativa con personaxes que encarnan o papel de heroes tráxicos, como vemos unha muller que vai ver morrer ao seu home como consecuencia da explotación e do mal trato;  feito que se vai convertendo  ( lembremos ten máis dun cento de versos) nun cantar de sentir colectivo contra Castela e,  á vez, dignifcación de Galicia e dos galegos.

             c)  ANÁLISE DA LINGUAXE DO TEXTO: 


I) NIVEL SEMÁNTICO OU DE CONTIDO: 
6- Da semántica das palabras do lexico poderemos deducir o contido do texto xa falamos  dun ton ________________________, tamén de rancor, que se vai vendo medrar a través dunha serie de cadeas léxicas e de recursos literarios que imos ir sinalando segundo van aparecendo no texto (se non lembras ben os recursos podes ter a man para consultar o libro nas páxinas 288-289).

É transcendental sinalar a interpelación ou apóstrofe inicial da copla; Castellanos de Castilla, que coa duplicidade creada entre Castellanos e Castilla reforza o sentido colectivo e de pobo que maltrata fronte ao outro pobo, o galego, que é o maltratado. Convértese así dende un comezo, como dixemos, nunha denuncia que vai pasar do particular e persoal, ao colectivo, porque esta copla en cursiva é o pobo quen a canta e vai ser unha muller ante a morte do seu home a que lle dea un desenvolvemento persoal de reproche, en principio máis lírico e emotivo, pero que remata nun chamamento á ira contra Castela (que se aprecia mellor se lemos o texto íntegro, claro está).

7- Véxase o ton tamén no verbo e o adverbio do inicio “tratade ben”,  apelando un trato xusto que se desfai  de inmediato ao dicir:
cando van, van como rosas
cando vén, vén como negros.
Que dous recursos literarios frecuentes na tradición oral hai nestes dous versos?
a) hipérbole
b) símil ou comparación
c) antítese ou contraposición

Estes recursos cargados de connotacións propias da metáfora (agradable,vigor/dor, escravismo) están amalgamados a unha sinestesia:  (mestura campos sensoriais distintos: cores, aromas e tacto) que se apoia ademais no movemento  van / vén  coa terra propia como centro, ao que os galegos que emigran na procura de traballo están tan afeitos. Esta concatenación de recursos aglutinados faise recorrente neste poema, como veremos.

Este xogo de contrapunto é o que Rosalía por boca da muller vai ir ampliando e intensificando  ao longo do poema na procura dese ton épico final cando reaparece como conclusión a primeira copla do poema.

 8-Pero analicemos os seguintes versos (5-12). Busquemos de novo os recursos máis destacados que constitúen fíos ou cadeas que vertebran o contido esencial do poema:  
- En primeiro termo os verbos de ir e volver, logo outros  de ton funesto  sorrindo / morrendo son dúas_____________________

 A seguir na presentación do seu home,  a muller que nos fala acumula imaxes positivas e agarimosas co noso tan xenuíno _________________ ( luciñas, amantiño,  que se somatizan no seu propio corpo: ollos, peito. Como se falou, fronte aquel negros está a luciña, clara e logo vén o __________ e a___________________  máis que a neve branco  e  outra __________________ máis:  aquel de dozuras cheo.  Os sentimentos en primeiro termo  que suxiren o mesmo contrapunto emocional e lúgubre:   aquel por quen eu vivía / e sen quen vivir non quero.


A continuación (versos 13-19)  volve a primeiro plano Castilla, a terra a onde o seu home “foi por pan “.  Debemos lembrar que durante séculos centos de galegos en cuadrillas ían á sega a Castela, un traballo de tempada  moi duro. “Ir por pan” é metáfora metonímica  ou metafórica metonimia  do traballo para poder vivir e, axiña,  Rosalía coloca o contrapunto:  saramagos lle deron” (esa planta herbácea nociva para o gando e sen valor que nace precisamente entre o trigo).  

Mais acumúlanse de novo as__________________ cheas de suxestións: “déronlle fel por bebida”,  peniñas por alimento”.  O polo positivo (que xira arredor de necesidades vitais) e o negativo e funesto ( subliñado por sinestesia o gusto ácedo do fel)  que mesmo vemos como alixeirado cun diminutivo cargado de lírica complicidade solidaria (como se ao compartir as penas e facelas súas pasasen a ser máis levadeiras)  xusto antes de entrar con dureza e rotundidade na seguinte ________________do maltrato:  Déronlle, en fin, canto amargo / ten a vida no seu seo… reforzada coa personificación da vida e  coa hipérbole derivada do adxectivo exclamativo canto que multiplica a dureza e a aspereza do sufrido, e se se quer outra sinestesia, a que evoca o gusto amargo.

A muller vai botar agora o primeiro berro contra Castela (que ao longo do poema enteiro reiterará e intensificará harmonicamente) : Casteláns, casteláns,  tedes o corazón de ferro! Esta __________________ trasládanos á deshumanización a través do campo aberto das sinestesias na que se destaca o frío metal, o ferro, tan afastado da calor e do sentimento, propenso ademais á perturbación do óxido. E aí está si, o corazonciño, personificación á que se reduce e comprime a muller namorada, tenra metáfora do seu amor, que negado o seu contento,  contrapón a unha metonimia tamén personificada e intensificadora de “dolor  ferido” que desemboca e estoupa ineludiblemente na morte do seu home nunha terrible imaxe, a do seu corazón: cuberto de loito.

Finalmente, morreu  aquel que eu máis quería, e ao ese eu escénico da muller desconsolada só lle queda a ira contra Castilla, que apostrofa coa categórica frase feita que semella un circunloquio: “a mala lei que che teño”  amosándose e confirmando ás claras o ton reivindicativo deste poema.

II) NIVEL MORFOSINTÁCTICO  OU FORMAL: 
9-Procuramos no comentario deste nivel atopar o ritmo lento ou rápido do poema que dependerá da presenza ou ausencia de recursos literarios formais ou morfosintácticos de repetición. Descubrimos un ritmo _______________ xustificado pola________________ de elementos que comeza xa co __________________  cando van, van como rosas, / cando vén vén como negros e redunda nas _______________ ( cando... cando.../ aquel... aquel.../ déronlle... déronlle... que dan pé ás enumeracións  e  que inciden  na reafirmación da denuncia que conten o poema. 

Hai tamén unha intención intensificadora ao crear unha tensión gradual que irá “in crescendo”  até o final do poema. Non esquezamos que remata coa repetición intensa da mesma copla coa que comeza.  

III) NIVEL FONÉTICO OU SONORO: 
10- Especialmente no xénero lírico comentamos o uso de tipos de estrofas, neste caso son _____________unha métrica:________________ romanceada con rima _______________ (e-o) que engade unha clara musicalidade ao poema propia gusto da lírica popular que vai provocar no lector ou no que escoita, que a voz poética, dalgún xeito, se integre como parte dese pobo que crea coplas tan sinxelas e conmovedoras como aquela do inicio da composición.


CONCLUSIÓN: 
      11- Reunimos aquí a síntese dos aportes de cada un dos apartados anteriores que agrupamos agora para comentar cunha idea de conxunto e argumentar que o tema escollido queda suficiente e plenamente xustificado: A denuncia da agresión de Castela aos galegos  evidenciase no ton __________ cheo de ira contra o maltrato e exercido de xeito colectivo. Tamén  coa escolleita dunha voz poética angustiada que usa as coplas e as cadencias do pobo, porque xorde del e representa a unha muller de tantas das que espera á volta da sega ao seu home, e que describe a súa desgraza  de xeito emotivo cunha amalgama de metáforas, _____________ e ________________que se consolidan formalmente cunha enumeración que avanza cun ritmo _________ e carácter intensivo cara a un final na que dita denuncia  se converte nun cantar reivindicativo contra ______________, á vez dunha dignificación das xentes traballadoras, humildes e explotadas de______________. Era un discurso necesario naqueles tempos nos que, como Rosalía, constata no Prólogo dos Cantares Gallegos  fóra de aquí pintan así ós fillos de Galicia como a Galicia mesma, a que xeralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza".
 
12- Cres que as numerosas afirmacións existentes na época como as do escritor castelán M. J. de Larra que reproducimos a modo de exemplo,  provocaron a reacción poética de Rosalía de Castro? Por que?  

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN