ARREDOR DO NOSO HIMNO


Reproduzamos o texto do himno:

OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas                     5
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros                        10
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono                        15
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,                             20
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados                  25
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa                            30
a redenzón da boa
nazón de Breogán.</i>


BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
- os rumorosos: ruidoso, adxectivo  referido aos pinos.
- verdecente: de cor verde.
- luar: nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla do pino en forma de arpa do pino.
- compasado : que segue o compás ou un ritmo.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: primeiro rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos:  cruel.
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

LOCALIZACIÓN
Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que poría música Pascual Veiga.

Neira Vilas, o autor de Memorias dun neno labrego,  remarca o papel fundamental na creación da conversión desta peza no himno galego dun emigrante ferrolán, Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías». Aquel home  primeiro pensou no poeta Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga os autores.

Segundo parece a súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade.


INTERPRETACIÓN:
Describe coas túas palabras o resumo ou asunto do que se trata nun parágrafo. Lembra que estás ante:

UN HIMNO CON PREGUNTAS:

Pondal escribiu o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.

Esta será a nosa primeira investigación:

1- Quen pregunta? E quen fala, quen responde no noso himno?

2- Cal destas tres opcións cres que é o tema ou idea central desta composición?

- Loanza da paisaxe galega
- Preocupación polo uso da lingua galega
- Chamamento ao espertar de Galicia.

3- Que punto de vista de Pondal escolle para esta composición?. Lembra que Pondal adoita ser chamado o bardo á hora de responder.

ESTRUTURA DO POEMA (deixando de lado as 6 estrofas que non se consideran como parte do himno) Xa falamos das interrogantes iniciais que marcan dúas partes claras na composición:

4- Cales serían esas partes? Indica os versos e o contido de cada unha desas partes.


A segunda unidade estrutural comprende á vez tres seccións marcadas polas estrofas. Intenta explicar a que responde en cadansúa estrofa:


RECURSOS DO NOSO HIMNO COMO ARGUMENTOS PARA DEMOSTRAR QUE ESCOLLEMOS BEN DO SEU TEMA:

 RECURSOS SEMÁNTICOS (atendendo ao contido e significado das palabras)

5- Nesta composición un dos recursos literarios usados é a personificación. Explica en que versos podemos localizala e en que consiste.

6-  Seguro que xa reparaches na palabra do primeiro verso "rumorosos" un adxectivo epíteto que vén sendo como unha metoninia (é dicir, recurso que pon en relación dous termos por contigüidade, continente - contido, causa efecto...) A que se refire? Aparecen evocados dalgunha outra forma nos versos seguintes? Indica como.

7- Chegamos así a descubrir un dos recursos máis importantes deste himno, o símbolo ou alegoría que parte deses "rumorosos"  cuxo son anuncia unha revelación na que hai un pasado ( as____________ afundidas na terra), un presente (que podemos asociar a seu_______, á altura das persoas) e un futuro (que debemos relacionar coa parte máis alta,_________ tocando o ceo). Son _____________.

Son relevantes polo tanto os " bardos das idades".  Que tipo de recurso son?  ________________ para descifrar o misterio do tempo que Pondal quixo impoñer nesta resposta.

8- A revelación ou o anuncio será escoitado no presnete por todos? A ver se acertas que recurso dos seguintes é o que nos permite saber que o presaxio non será desentrañado por todos.

a) antítese ou contraposición (branco/negro).
b) hipérbole ou esaxeración (morro de medo).
c) simil ou comparación (tan grande como un elefante). 

Localiza no texto o recurso ao que facemos referencia:


9- Por outra parte, Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa __________ relacionada coa mitoloxía céltica, sabes cal?_______________________________Esta acaba sendo un símbolo tamén ao reiterarse cunha variante no verso final: ______________________.


10- Como logrará Ponda un ton épico e solemne propio dun himno? ( Deberíamos, como apunta Ferrin,  unilo a unha voz intemporal que aúna pasado e futuro?)

Fixémonos nas cadeas  onde se mesturan as referencias aos sons ( rumorosos, arpado, son,..voz...) mesmo verbos de dicción e conciencia (din, pregoan e esquecer, despertar, entender...) cunha paisaxe natural evocación mítica: costa,verdes catros...) e abondosa adxectivación



RECURSOS MORFOSINTÁCTICOS (da forma e o ritmo)

11- O Hiperbato neste poema é frecuente, contribúe a crear ese hermetismo na linguaxe propia dun vaticinia, sinala un exemplo?

Viches algún paralelismo? Dinos onde. 

Polisíndetón? Indíca un exemplo

O ritmo da composición logo será______________ debido  a   _____________ conferíndolle ao texto



RECURSOS FONÉTICOS (da musicalidade e dos sons)

12- Localiza un exemplo de aliteración


Nos versos 18 e 19 hai unha paronomasia, cal é?

Remata o esquema dos versos en octavillas de heptasílabos:  abbc, ......


Elabora finalmente unha valoración ou conclusión final do comentario:




Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN