GALIMITOS (II): ITH, fillo de Breogán.

A segunda entrega dos GALIMITOS ten moito que ver coa primeira. desta volta partimos dunha pregunta:  Que ten que ver Irlanda con Ith, fillo de Breogán?

Para podela responder recomendamos que antes leas e contestes ao cuestionario que aparece máis abaixo.
Sabías que existe un libriño escrito por un marinense, Silvestre Gómez Xurxo, que nos conta a historia de ITH?  Reproducimos a seguir un anaquiño dun capítulo ao que despois de lelo, debes poñerlle un título atractivo.

LECTURA:


"É unha tarde fría e clara de inverno. Os ventos do norte que sopran estes días non teñen auga para formaren nubes. Son aires duros que cuartean a pel e queiman os campos. Son aires de xeadas e lobos famentos ouleando na noite. Non é o tempo máis amante, pero Ith vai coma cada tarde á illa e sobe ata o campo da torre. Hoxe vai só. No fondo, é como prefire ir.

Os demais quedaban arredor dunha boa larada, sentados xerarquicamente de vellos a mozos, pois ese era o costume que se seguía de vello, polo respecto e o cariño que se sentía polos maiores.
A caída da tarde nos días de inverno é a hora da fantasía, das palabras graves e das algareiras ó ao agarimo lume. Nesas horas tamén se aprenden as historias que manteñen viva a memoria colectiva do pobo. E así pasan xeración tras xeración formando parte do orgullo de todos e cada un.

A illa da torre está case pegada á aldea, de feito, só é illa a medias, dependendo da marea. Co devalo, ábrese unha lingua clara de area que une a illa á terra; coa chea, vese unha illa ben formada. Desta vez, a marea está baixa e Ith fai a pé o camiño da illa. Ama ese camiño e gústalle sentilo directamente baixo os pés. Coñéceo tan ben que anda treitos cos ollos pechado e sabe, polas sensacións do tacto e do olfacto, o lugar xusto en que está en cada momento.

Para Ith, o campo da torre abre todos os mundos, porque el sabe ben que o mar é o grande camiño que sempre se pisa por primeira vez e que leva a todas partes, ás coñecidas e ás que están por coñecer. Por algo é fillo do sabio e valoroso Breogán, que chegou polo mar a estas terras para darlles nome e fillos que as poboasen. Quizais o seu destino sexa ese: botarse ao mar e atopar novas terras para poboalas e darlles nome.

Ith é un soñador. A aldea e as súas terras forman un mundo importante, pero pequeno de máis para os seus soños. El precisa mirar alto e lonxe para respirar fondo e atopar aire abondo que encha o seu peito afouto e baril.

Os ollos de Ith pérdense outra volta na auga seguindo trazado dos seus soños e avanzan cara o norte, antes de que se consuma totalmente a luz do sol. O seu corazón bate coa forza do presentimento. E CANDO SE ATOPA DE FRONTE Ó NORTE, NON PODE ACREDITAR NO QUE VEN OS SEUS OLLOS. Aló nos confíns, perdida no horizonte, onde só alcanzan os ollos máis agudos e ilusos, porque non é doado diferenciar entre o que se ve e o que se desexa ver, está a luz da terra tanto tempo presentida. Na hora do luscofusco xorde un resplandor que se espella nas augas do océano. Ith refrega os ollos e contén o ánimo. Volve mirar. Aquela é a terra que o chama, que dende rapaz o estivo levando cada tarde ao alto do campo da torre. Permaneceu mirándoa ata que aquela luz se sumiu apagada pola forza da lúa chea. Unha terra que el sabía fermosa e farturenta, a onde levaría a súa estirpe a vivir en paz e prosperidade. A vida dun home, aínda a dun soñador, contida en poucas palabras: torre, terra, mar, soño.”


COMPRENSIÓN: Cuestionario a responder e enviar: 
1- Repara e busca o significado léxico e se non coñeces esta palabras búscaas: larada,algareiras, xerarquicamente, devalo,afouto, baril, iluso, luscofusco, doado,...

2- Ponlle un título atractivo ao texo:

3- Quen era Breogán? Nacera naquelas terras nas que vivía? Que decidira construír?

4- En que tempo cres que viven os personaxes deste relato?

5- Quen era Ith? Que facía cada tarde? que lle ocorre?

6- Cal era o seu soño?

7- A sensibilidade de Ith como aparece expresada no texto?

8- Xogando coas palabras:
-“onde di o trazado dos seus soños“ podería dicirse "o ronsel dos seus soños"?

- Onde di na hora do luscofusco, podería dicirse: na hora do .......

9- Que relación terá Breogán con Irlanda?
 Para responder correctamente nun parágrafo (dunhas 20 liñas máximo) deberás usar obrigatoriamente as seguintes cinco palabras ou frases: 

- Torre
- Libros das Invasións
-Traición
- Cabalo
- Vinganza.

10- Será verdade que Ith fixo unha viaxe de conquista cara o Norte?

Procura algo máis de información, por exemplo na Galipedia, para facer logo ti unha pequena redacción coas túas conclusións sobre a relación entre o mito de Breogán e Irlanda, que é como falar da relación que pode que haxa de vello entre Galicia e Irlanda.

Observa este mapa tirado da Wikipedia co mapa de coincidencias xenéticas en Europa que sospeitosamente non introduce datos do Norte de África... Lembrade que na lenda Breogán curiosamente chegaría dende o  Mediterráneo.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN