DOS SÉCULOS ESCUROS E DO REXURDIMENTO, QUE HAI DE CERTO?

Esquema escolar da evolución da nosa literatura e os seus períodos
Falaremos nesta entrada destes tres conceptos: Tradición Oral, Séculos Escuros e Rexurdimento, estes dous últimos hoxe cuestionados. Imos tentar deixar as claves deste debate á vez que os estudamos porque son os que habitualmente se estudan nos libros de texto de literatura galega.
A entrada anterior rematabamos facendo referencia a profunda relación que ten Sarmiento e a súa obra tanto filolóxica como literaria coa tradición oral galega. Este será o punto de partida desta nova entrada para fortalecer a idea dun continuum, dun fío condutor que permite dalgún xeito afirmar cada vez con maior contundencia que ás veces as etiquetas non responden á realidade, son xeneralizacións imprecisas, pero que sen lugar a dúbida esas etiquetas axudan a estudar e ir comprendendo o noso pasado, esa ferramenta necesaria para entender quen somos.


QUE NOS CONTAN OS LIBROS DE TEXTO AO USO?
O Rexurdimento é un proceso oumovemento literario que nace no XIX considerando a súa consolidacion partir da obra Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro. Un movemento que conclúe cun período denominado de Séculos Escuros de 300 anos de silencio da nosa literatura culta ou escrita dende o século XVI ao XVIII.

QUE NOVAS POSTURAS HAI SOBRE ESTE TEMA?
O Rexurdimento é unha palabra cuestionada, no XIX falábase máis ben de "rexeneración" e o momento da nosa literatura que cadraría mellor a esa etapa de ilusión nun renacemento sería 1916-1936 (o período das Irmandades da Fala e da Xeración Nós). Por outra banda, o século XVIII, no que vive e escribe Sarmiento e figura clave para entender a literatura galega contemporánea, non o podemos considerar tan "escuro" como se di.


O CONCEPTO DOS SÉCULOS ESCUROS
Foi precisamente Sarmiento o primeiro en reparar moi ben no comezo dun período de ausencia de textos cultos escritos en galego:
"Non poucas veces  teño pensado en cal foi a causa de que en Galicia se introducira o uso de escribir en castelán o que antes se escribía ou en latín ou en galego.  Non hai xénero de escritura testamentos, doazón, venda, contrato, foro, arrendamento, compra, cambio, partillas, etc… que eu non teña visto e lido en Galicia ou en latín ou en galego. E sei que se poden cargar carros deses  instrumentos que se conservan en Galicia. Non tendo precedido, pois, nin Concilio , nin Cortes nin consentimento uniforme dos galegos par actuar, outorgar, comercializar en lingua castelá,  ¿quen a introduciu?

A resposta está patente: que Galicia chora e chorará sempre. Non os galegos, senón os non galegos, que aos principios do século XVI inundaron o reino de Galicia, non para cultivar as súas terras, senón para se facer carne e sangue dos mellores, e para cargar cos máis beneficiosos empregos, así eclesiásticos como civís, foron os que por non saber a lingua galega, nin por cargar palabra nin por escrito, introduciron a monstruosidade de escribir en castelán para os que non saben senón o galego puro.
  A eses débese atribuír a non continuación de escribir  a lingua galega, por haber  concurrido a Galicia tal multitude de homes de pluma que non sabendo o idioma galego se meteron a escribir o castelán" 
                                                                        Elementos etimolóxicos  do P. Martín Sarmiento

O PAPEL FUNDAMENTAL DA TRADICIÓN ORAL
Poñamos o comezo do que comunmente se chama o Rexurdimento antes ou despois, o que non cabe ningunha dúbida é que a tradición oral (esa "literatura" non escrita que circula de xeito espontáneo de boca en boca no pobo, de xeración en xeración cun marcado sentido funcional) é un elemento substancial e insustituible que funciona como sostén da cultura e da identidade á vez de ser a esencia que permite abrir unha nova etapa na historia da nosa literatura. A ela van beber seguindo a Sarmiento os poetas do XIX Pintos, Morales, Rosalía, Pondal, Curros e Lamas Carvajal.


O REXURDIMENTO A PARTIR DE SARMIENTO 
No caso de manter vivo o concepto de Rexurdimento como comezo da nosa literatura contemporánea, teremos que apuntar de novo a figura de Sarmiento como o principio  ineludible deste movemento. 

CUESTIÓNS
1- Despois de ler atentamente esta entrada como definirías os Séculos Escuros? Que período abrangue?
2- Resume coas túas palabras a importancia que ten a tradición oral para a literatura galega entre os séculos XVIII-XIX.
3-  Sabendo que é un concepto escolar un tanto impreciso, que definición farías de Rexurdimento á luz do que leches nesta entrada? 
4- Colocarías ti a Sarmiento no Rexurdimento? Razoa con argumentos a resposta.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

Contidos da proba da 1ª Avaliación 23/24