A ALBA DA LIBERDADE


Este é o lema do que partimos no presente curso. Falamos de Libertade un concepto que en Galicia e na súa literatura está intimamente asociado a palabras como alba.  Recollida talvez no albor dos tempos coa claridade do día, o latín a lingua nai, trouxo o étimo ata este extremo occidental da península ata facerse totalmente propio. Desde a Idade Media na que nacen as nosas Letras, alba está presente como fórmula trobadoresca e como son para os nosos oídos. Logo de estar na boca de labregos e de reis, cando Galicia era Reino, a alba dos novos tempos trouxo días bos e días malos para esta terra. E como cada idioma precisa dun territorio, as luces e as sombras propias da historia provocaron zonas avesedas, hai quen fala de séculos escuros como trebóns ata que alguén na súa cela accendeu o candil á espera do que sabe que a semente precisa tempo. Tras sementar na terra agardou pola luz. Non tardaron en xermolar as alboradas que Rosalía cantou entre as primeiras para anunciar novas colleitas. Esta é tan só a parte inicial da historia da palabra amiga e compañeira da liberdade na nosa literatura no século XX.

Fagamos un alto neste século, para introducir unha reflexión necesaria sobre a relación entre a identidade do ser e a propia lingua.

En 1º da ESO aprendimos que a diversidade lingüística nos fai humanos e que para sermos universais é necesario non avergoñarnos de nós mesmos, polo que é importante esixir ese dereito á diferenza tanto para afortalar a nosa personalidade como para enriquecer o mundo.

Recollamos agora en 3º da ESO para comezar a andar este curso a esencia daqueles textos de 1º nun novo que nos achega ao sentimento da liberdade:


 " O galego culto que hoxe se exprese en galego, por ese só feito demostra levar na alma un nidio sentimento de liberdade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre, co fin de lles dar o tempero preciso para que poidan fecundar mortas terras, cheas de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.

...Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? " 

                                                                Antón Vilar Ponte, Pensamento e sementeira.

         1-Que relación ten a liberdade coa nosa lingua? Falar galego representa un compromiso, por que? 
2- Explica a antítese dos conceptos da liberdade  e de escravitude que son metáforas, á vez metáforas.
3- Como podes traducir coas túas palabras “redimirse da servidume do mimetismo”. Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
4- Ponlle ti un título a este texto.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN