26 de setembro Día Europeo das Linguas



Lembra este poema de Manuel María neste Día Europeo das Linguas:

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós,
ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén
se perdemos a fala
non seremos ninguén.

O idioma é o amor
o latexo, a verdade
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer,
precisamos a lingua
se queremos vencer.


Cuestións sobre o poema:

- Que recursos literarios destacarías?

- Atendendo ao seu contido procura argumentos para explicar  se corresponde a un momento de liberdade ou de escravitude  para a lingua?


REMATAMOS OPINANDO

O galego ten unha historia moi especial que lle outorga un carácter de idioma de resistencia, que esixe dos seus usuarios un compromiso. O galego é unha lingua amiga da liberdade.

Celso Emilio Ferreiro dicíao así:

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Nesta viñeta de Luis Davila, o debuxante faise eco dos versos de C. E, Ferreiro 


 OPINA: 
NA SITUACIÓN DO GALEGO  HOXE:  PODE COMPETIR EN LIBERDADE?

COMPITE EN IGUALDADE OU POLA IGUALDADE?

Que é a diglosia?

Pensas que o galego compite en pé de igualdade co castelán ou hai unha carreira de fondo con corredores que teñen ás súas costas distinta experiencia, recursos e prestixio? 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN