COÑECENDO A ROSALÍA


 Imos traballar coa figura máis senlleira da nosa literatura e trataremos de afondar os nosos coñecementossobre ela e sobre todo sobre os seus escritos. 

Sendo moi nova atopamonos entre os seus textos o seguinte editado en Madrid nun artigo sobre literatura do ano 1857: 

1- Tenta deducir cal é o seu tema:

"Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos aínda que ao meu redor sentirá dende o berce xa, o ruido das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.

Eu, sen embargo, son libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o pirata no mar. Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu pensamento que se ergue ata o ceo, e descende ata a terra, soberbio como Luzbel, e doce como unha esperanza.

Cando os Señores da terra me ameazan cunha mirada, ou queren lixar a miña fronte cunha mancha de oprobio, eu ríome coma eles rin, e fago, en apariencia, a miña iniquidade máis grande que a súa iniquidade. No fondo, non obstante, o meu corazón é bo, pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual a miña feitura, e que a súa carne é igual a miña carne.

Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”

CUESTIONARIO sobre este texto:

1- Rosalía quere explicar o sentir da súa poesía, fala de cantos de independencia e liberdade...

Indica e explica a contraposición (tamén chamada antítese) que introduce a continuación nas primeiras liñas do texto.

2-A seguir usa unha serie de comparacións. Enuméraas e explica a súa relación coa liberdade. Non esquezas de comentar tamén: soberbio como Luzbel e doce coma a esperanza.

3- Procura o significado das seguintes palabras: oprobio e iniquidade para redactar coas túas palabras o contido do terceiro parágrafo.

4- Despois de ler o texto e, en especial o último parágrafo, por que cres que é tan importante para Rosalía sentirse libre?

REFLEXIÓN

SOBRE OS MOMENTOS DA HISTORIA DA NOSA LINGUA E A FALTA DE LIBERDADE NO SEU USO:

5- Procura saber cales das seguintes etapas da historia da lingua foron nas que os galegos/as non se puideron expresar con liberdade na súa lingua natural:

A) IDADE MEDIA (Séculos XII-XIII-XIV) (O galego pode considerarse unha lingua normalizada dado que se adoitaba usar en calquera ámbito da sociedade e mesmo na literatura escrita culta.)

B) SÉCULOS ESCUROS  (Séculos XVI- XVII- XVIII) (Son un período de 300 anos nos que o galego era só idioma falado na casa coa familia entre as xentes humildes, rexeitado para a escrita, a docencia e as clases podentes).

C) REXURDIMENTO  (Século XIX) (Rosalía entre outros autores/as escriben e publican libros coa idea de recuperar o galego para a literatura escrita).

D) GALEGUISMO-NACIONALISTA: (1/3 do Século XX) A xeración Nós e Castelao e o Partido Galeguista procuran a universalización da nosa cultura e ampliar os espazos para o galego, mesmo a súa introdución nas escolas, logrando a probar o Estauto de Autonomía de Galicia

E) FRANQUISMO (1936-1975) Período e 40 anos nos que o galego foi marxinado de todas as actividades públicas de prestixio: Radio, Televisión, prensa escrita, escolas e universidades, etc…

F) PROCESO DE NORMALIZACIÓN (1975 ata hoxe) Longo proceso no que o galego, tras da volta da democracia é lingua oficial en Galicia e comeza a súa introdución no sistema educativo... vanse dando pasos, mais seguimos sen un diario e un cinema en galego.

Observa o seguinte gráfico e,  despois de ler as características de cada período, como colocarías correctamente os nomes das distintas etapas da Historia da Lingua nel?



ROSALÍA DE CASTRO ( DOCUMENTAL) 
Visualiza e logo responde as seguintes preguntas:
Ela quería visualizar o seu verdadeiro ser? 
Por que se citan  no documental a Juana Vega, Emilia Pardo Bazán,  Concepción Arenal ?
Murguía era o seu home, el foi quen quixo facer de Rosalia un mito, logrouno? Razóa a resposta.
Cales eran as súas preocupacións? Cales son as tres liñas que gobernan a súa traxectoria vital?
Que é Contou Rosalía?


Comentarios

Publicacións populares deste blog

TRADICIONAL E TROBADORESCO

COMENTAR UNHA CANTIGA MEDIEVAL

Contidos da proba da 1ª Avaliación 23/24